CULTURA

Chega a Compostela un dos mellores coros de pequenos cantores de Europa

25/04/2008 Os nenos da Coral Saint Marc de Lyon (Francia), mundialmente coñecidos por ser os intérpretes da banda sonora do filme Os nenos do coro (Les choristes), chegan ao Auditorio de Galicia o sábado 24 de maio. Sobre o escenario estarán 30 rapaces, que amosarán porque compoñen un dos mellores coros de pequenos cantores de Europa e porque levan anos colleitando éxito tras éxito nos seus concertos.

Ata este ano 2008, a Coral Saint Marc non visitara Galicia. Despois do seu paso en febreiro pola Coruña e Ourense, en maio estarán en Santiago e noutras cidades galegas, tras o seu exitoso paso por España, Europa e medio mundo. As entradas, cun custo de 30 euros, poden xa mercarse a través do servizo electrónico de billetes de Caixa Galicia.

Falar da Coral Saint Marc de Lyon é falar dunha formación máis de 20 anos de historia, formada por rapaces de entre 9 e 15 anos, dirixidos por Nicolas Porte. Levan sacados ao mercado seis discos e xa venderon máis dun millón e medio de álbums. Para o gran público, son coñecidos por interpretar a banda sonora de Os nenos do coro, filme galo de Christophe Barratier que en 2005 estivo nominado aos Óscar como mellor filme en lingua non inglesa.

Sobre o escenario do Auditorio de Galicia interpretarán un variado repertorio, composto por temas sacros, pero tamén por cancións populares francesas e doutros países. Non faltarán os temas do filme nun concerto de aproximadamente hora e media de duración. Un pianista e o director do coro acompáñanos na actuación.

O concerto foi presentado en Raxoi polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e polo produtor do espectáculo, Ignacio Faulín.

Compartir: