BENESTAR SOCIAL E MULLER

Dous alumnos do San Xosé de Cluny fanse cos premios do Concurso sobre corresponsabilidade familiar

24/04/2008 Ángel Jorge Iglesias e José Manuel Vigo Cacheda, ambos do Colexio San Xosé de Cluny, fixéronse cos dous primeiros premios, respectivamente, do Concurso de ideas sobre corresponsabilidade familiar nas tarefas domésticas, convocado pola Concellería de Benestar Social e Muller. O fallo do xurado fíxose público nun acto celebrado no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, ao que asistiu a concelleira Mar Martín.

O debuxo gañador, de Ángel Jorge Iglesias representa a unha parella compartindo as tarefas domésticas: el tendendo a roupa e ela cociñando. A continuación obsérvase como esa parella desfruta do seu tempo de ocio. O traballo de José Manuel Vigo representa a unha parella compartindo os labores da cociña.

Este era un certame dirixido a alumnos do primeiro ciclo da ESO e pretendía que reflexionaran sobre o reparto de tarefas no fogar. O cartel gañador será o motivo do material que se elabore para a realización dunha campaña sobre este tema que realizará o Concello co financiamento da Deputación da Coruña.

O gañador recibiu un agasallo e o seu centro 1.000 euros para actividades educativas ou culturais. O segundo clasificado, ademais do obsequio, contribúe cun lote de libros para o seu centro. Con todos os traballos farase unha exposición.

Compartir: