CONSORCIO

Unha nova publicación recupera a produción bibliográfica compostelá entre 1501 e 1553

24/04/2008 Nun acto celebrado na Biblioteca Pública "Ánxel Casal", o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou un volume sobre a produción e comercio do libro en Santiago no século XVI realizado por Benito Rial. Esta publicación recupera a produción e distribución bibliográfica compostelá entre 1501 e 1553

Grazas a "Producción y comercio del libro en Santiago (1501-1553)", lectores e estudosos xa teñen a posibilidade de achegarse ao coñecemento da produción e distribución do libro na cidade. Para coñecer o verdadeiro alcance deste libro cómpre destacar que os traballos arredor da imprenta en Galicia teñen ocupado máis de cen anos de labor investigadora, xerando textos tan importantes como os de Carré Aldao, Atanasio López ou Antonio Odriozola, achegas que se sintetizan en "As orixes da imprenta en Galicia", de Ignacio Cabano.

Tamén hai que ter en conta que os estudos sobre a comercialización do libro e a súa lectura tampouco gozaron en Galicia, en opinión de Benito Rial, de atención por parte dos investigadores, reducíndose case todo á publicación en 1901, por parte de Eladio Oviedo, do inventario parcial do libreiro compostelán Giraldo del Sol e a algunhas noticias que Pablo Pérez Constante ofrece nas súas "Notas viejas galicianas". E pouco máis.

Con estes precedentes, o autor intenta ir un pouco máis alá neste campo dentro dun arcebispado tan rico coma o compostelán, auténtico centro comercial, cultural e relixioso de Galicia. Neste sentido, os Protocolos Notariais conservados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago e os fondos capitulares pertencentes aos distintos Arquivos Provinciais galegos son os grandes aliados da súa investigación.

Labor estable de comercialización
Rial analiza a actividade de varios impresores que pasaron por Santiago, ofrecendo novos datos e aclarando aspectos escuros. Tal é o caso de Agustín de Paz, impresor que, tras instalarse en Santiago procedente de Astorga e Mondoñedo, centra a súa actividade de impresor de libros litúrxicos. Non hai que esquecer que durante o século XVI a imprenta compostelá depende do seu poderoso cabildo. No obstante, a cadeira arcebispal, sen promove poucas iniciativas impresoras. Pero a alta concentración de poboación letrada e o papel da cidade como espazo de intercambio mercantil e de redistribución no seu contorno máis inmediato fan de Compostela a única praza en Galicia apta para desenvolver unha labor estable de comercialización do libro.

Tal como di Jaime Moll na presentación destas páxinas, fronte a situación da imprenta, "a librería ofrece unha realidade completamente distinta, principalmente no segundo cuarto do século XVI, xa que presenta unha ampla e variada oferta de libros que satisface aos distintos grupos de lectores, oferta que non se limita ao libro impreso en España, senón aos produtos dos grandes centros editoriais europeos". De feito, as obras de Homero, Sófocles, Petrarca, Erasmo ou Vives dan noticia da inquedanza intelectual de moitos composteláns desta época.

Esta edición, realizada en colaboración con Calambur, inclúe o inventario da libraría de Giraldo del Sol, a través da que o lector pode descubrir a composición da sociedade compostelá cliente das librarías. Destacan as edicións de clásicos e humanistas, destinadas principalmente á mestres e alumnos da nacente universidade.

Compartir: