MOCIDADE

Mocidade presenta na Capitol o certame "Músicaxove´08", coa música dos galegos Triángulo de Amor Bizarro e Nadadora

23/04/2008 A Concellaría de Mocidade presenta o I Certame Músicaxove’08. MÚSICAXOVE´08. A cita será o xoves 24, ás 22:00 horas, na Sala Capitol, e contará coa colaboración do coñecido locutor dos 40 Principais de Compostela Gabi Davila. No concerto participarán dous grupos galegos xa recoñecidos no panorama musical español, como son Triángulo de Amor Bizarro e Nadadora.

Segundo as bases do concurso, poderán participar todos os grupos e solistas de entre 16 e 35 anos que ensaien en calquera dos equipamentos que constitúen a Rede galega de locais de ensaio, promovida pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Entre os xéneros musicais para escoller están o pop-rock, o metal, a canción de autor-folc e o hip-hop.

O xurado do certame estará composto por especialistas do mundo da música, onde se valorará a utilización da lingua galega tanto nas letras como na imaxes das bandas. Os seus membros escoitarán previamente as maquetas para seleccionar como mínimo a catro participantes por modalidade, que deberán tocar en directo dous ou máis temas do seu repertorio. Os gañadores por categoría recibirán os seguintes premios:

- Catro primeiros premios, un por modalidade, de 2.000 euros cada un.
- Catro segundos premios, un por modalidade, de 1.000 euros cada un.
- E catro terceiros premios, tamén para cada modalidade, de 500 euros cada un.

Entre as diversas iniciativas que está desenvolvendo a Concellaría de Mocidade nos últimos meses é preciso destacar unha relacionada co certame de música. Os gañadores de cada modalidade musicial, ademais de recibir unha cantidade en metálico como recompensa, terán a oportunidade de editar un dico compacto e de recibir o apoio municipal grazas a diferentes actividades promocionais.

Compartir: