DEPORTES

A Volta da Ascensión aumenta o seu nivel

22/04/2008 A Volta Ciclista da Ascensión celebra unha nova edición os días 1, 2 e 3 de maio nas categorías Elite e Sub-23. A proba aumenta en 2008 a súa calidade, pasando a ser a competición de maior rango que se dispute en Galicia das previstas para esta temporada nas probas por etapas, segundo o ranking da Unión Ciclista Internacional (UCI).

O vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o presidente do Club Ciclista Compostelano–Muebles Compostela, Nemesio López, presentaron esta nova edición da Volta Ciclista da Ascensión. Nun acto conducido polo xornalista Terio Carrera, Fariña subliñou que o aumento do nivel da proba é posible "grazas ao esforzo e a ilusión do Concello, da Fundación e do CC Compostelano na súa organización, así como grazas á colaboración dos seus patrocinadores: a Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Caixanova, Skoda Brea Automoción e Área Central; e aos concellos de Ames, Arzúa, Cerceda, Padrón, Silleda e Vilagarcía".

O concelleiro referiuse á calidade da proba, avalada pola participación de vinte dos mellores equipos do panorama galego, com CC Cambre Frisonoble, CC Cidade de Lugo, CC Spol – Caixanova, Supermercados Froiz e CC Vigués Chint Autronic; español, con Bidelan-Kirolgi (País Vasco), Cafemax-Contempolis-Murcia, Comunidad Valenciana, Diputación de León-Deyser, Sanse Spiuk, Camargo-Ferroatlántica, Cueva El Soplao-Cantabria Infinita e Saunier Duval; e internacional, coa participación das formacións portuguesas: Barbok-Siper; Centro de Ciclismo de Loulé, Madeinox-Boavista e Palmeiras Resort-CC Tavira, o Sean Kelly Team irlandés, o P3 Transfer Batavus (Holanda) e o Ulan (Kazaxistán).

As tres xornadas comezarán con saída neutralizada dende a praza de Europa de Área Central, mentres que todas as etapas terán a liña de meta na avenida Juan Carlos I. A primeira etapa, o 1 de maio, contará cun percorrido de 169,6 quilómetros, com saída lanzada dende o Milladoiro e contará coas metas volantes em Vilagarcía e Bertamiráns e con cinco portos puntuables para o Premio de Montaña, os altos de Cordeiro, Pousadoiro, San Xurxo de Vea, Augasantas e Confurco.

A saída lanzada da segunda etapa, o 2 de maio, será á altura da ponte de San Lázaro. Os participantes terán que completar 180,4 quilometros e pasarán por duas metas voantes situadas nos concellos de Arzúa e Bandeira; e polos altos de Cumeiro, Xindiriz, Vinseiro, San Xurxo de Bea, Lampai e Montouto, todos eles puntuables para o Premio de Montaña.

A terceira e última etapa, de 158,30 quilómetros, comezará coa saída lanzada dende Salgueiriños. As metas voantes desta xornada estarán situadas en Ordes, Cerceda e Bertamiráns. Os altos puntuables para o Premio de Montaña serán os de Enxiríz, Portomouro, Trasmonte e Mourentáns.

No acto tamén foron presentados os trofeos e os maillosts da proba, entre os que están o amarelo para o líder da clasificación xeral (patrocinado polo Xacobeo); o verde para o Premio de Montaña (por Caixanova), o branco para as Metas Voantes (por Skoda Brea Automoción), o vermello para a Regularidade (polo Concello de Santiago) e o azul e branco para o Primeiro Galego (por Muebles Compostela).

Compartir: