ALCALDÍA

O Concello celebra a tradicional Xornada de portas abertas

22/04/2008 O pazo de Raxoi, sede da Administración Local, celebra ao longo do mércores día 23 de abril a xa tradicional xornada de portas abertas. Neste día todos os composteláns e tamén os turistas que queiran coñecer as dependencias municipais sitas na praza do Obradoiro poderán achegarse ata o Concello.

Con esta xornada preténdese achegar a Administración Local aos cidadáns, e que poidan coñecer de primeira man o seu funcionamento. A entrada ao Concello é libre, en horario de 10.00 a 19.00 horas e haberá monitores tanto pola mañá como pola tarde para guiar a aqueles que queiran saber máis sobre a Casa do Concello.

A xornada de portas abertas conta tamén coa participación do alumnados dos colexios composteláns Colexiata de Sar, Fontiñas, Apóstolo Santiago e La Salle, que celebrarán un pleno ás 12.00 da mañá cunha orde do día preparada por eles mesmo para a ocasión. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asesorará aos "alcaldes en funcións" sobre a presidencia deste órgano, que é o de máxima representación política da cidadanía dentro do goberno municipal. Antes, ás 11.00 os nenos converteranse en xornalistas por un día para poder interrogar ao rexedor sobre os asuntos do seu interese.

O Pazo de Raxoi
O Pazo de Raxoi sitúase na praza do Obradoiro, xusto fronte á catedral, e na actualidade é sede do concello de Santiago e do Goberno autonómico. Responde ao estilo neoclásico francés. A súa fachada principal estrutúrase segundo un esquema simétrico ordeado a través dun frontón central triangular e dous frontóns semicirculares laterais que descansan sobre columnas xónicas. O frontón central posúe un relevo no que se representa a batalla de Clavixo e que cubre o tímpano sobre o que se asenta a figura de Santiago o Matamouros, esculpida por Xosé Ferreiro.

O edificio foi obra dun enxeñeiro francés do século XVIII e a súa construción débese a un encargo do arcebispo de Compostela Bartolomeu Raxoi e Losada. Na orixe, o edificio destinouse a cárcere e concello ademais de albergar os nenos do coro da catedral, os acólitos e os sacerdotes.

A situación deste pazo, veciño do Hostal dos Reis Católicos –antigo Hospital Real– xerou, nos anos da súa creación, non poucas polémicas e litixios. O administrador do Hospital Real por aquel entón opúxose á construción deste edificio argumentando que privaba de ventilación e luz natural o Hospital, ademais de impedir que tivese unha ampla zona para a saída e entrada dos doentes.

Compartir: