NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Compostela únese un ano máis ao Correlingua

21/04/2008 Santiago albergará o 12 de maio unha das 13 carreiras da edición 2008 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000. Baixo o lema "En galego cabe todo", nas carreiras deste ano está prevista a participación de 40.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, participou no acto de presentación da actividade, celebrado no Auditorio de Galicia. Correlingua volve a ser un ano máis unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a empregar o idioma galego.

"En galego cabe todo" é o lema escollido para a presente edición, facendo referencia á capacidade das memorias dos Mp3 e I-pods, onde todo o que se faga en galego ten cabida e, por tanto, trasladando que na nosa vida diaria, en todas as nosas actividades o noso idioma pode estar presente.

En Santiago, como en todas as vilas e cidades nas que se celebra o Correlingua, desenvolveranse espectáculos teatrais, que contarán coa participación de Touriñán e Marcos, de Ppablo e os Ghazafellos, ou do Grupo Chévere, entre outros.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega–Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Compartir: