MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente participa nunha plantación de arbores no Monte Pedroso realizada por alumnos de Secundaria

21/04/2008 O martes 22, a Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel co-organiza unha plantación de árbores con motivo o Día da Terra con alumnado do Colexio La Salle. A plantación realizase no marco do plan de restauración ambiental e acondicionamento do Pedroso que está realizando a Consellería de Medio Rural.

Case un centenar de alumnas e alumnos de 4º da ESO serán os protagonistas desta actividade que se realiza con motivo do Día da Terra, unha data instituída no ano 1970 co obxectivo de promover a implicación de toda a cidadanía na prevención e na solución dos problemas ambientais. No ano 2008 son moitos os colectivos ecoloxistas que centran a súa reivindicación na prevención da mudanza climática que nos afecta na actualidade. A Concellaría do Medio Ambiente e a Consellería de Medio Rural únense á celebración coa plantación de árbores, que fixan o carbono atmosférico e contribúen así frear o cambio climático.

Un obxectivo fundamental para a Concellaría de Medio Ambiente é a recuperación ambiental do Pedroso, un monte emblemático para a cidadanía de Compostela e gran pulmón verde da cidade, que nos últimos anos ten sufrido sucesivos incendios forestais. Actualmente, na superficie xestionada pola Consellaría de Medio Rural, estase executando un plan de restauración, que consiste na plantación de árbores que contribúan á conservación do solo e á recuperación dos valores paisaxísticos. A actuación complétase coa eliminación paulatina de especies foráneas e invasivas, como o caso de acacias e eucaliptos, e complementarase co acondicionamento de camiños e sinalización destes e dos puntos de interese.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, indicou que "en breve se iniciarán tamén accións na Selva Negra, que ao igual que a Granxa do Xesto, é de xestión municipal". Cienfuegos tamén comunicou que "se está a traballar co obxectivo definir o Pedroso como un parque forestal periurbano, apostando pola conservación dos valores naturais e promovendo as funcións paisaxísticas e recreativas".

Compartir: