EDUCACIÓN

Santiago únese á Semana de Acción Mundial pola Educación

21/04/2008 Do 21 ao 27 de abril celebras a Semana de Acción Mundial pola Educación. ONGs, sindicatos do eido educativo, centros escolares e movementos sociais de diversa índole únense tamén en Santiago a esta iniciativa global, coa que se quere reclamar o cumprimento dos compromisos do Cumio de Dakar de 2000, onde a comunidade internacional se comprometeu a garantir o acceso a unha educación de calidade para todos antes do ano 2015.

O acto central desta Semana terá lugar o 23 de abril na praza da Quintana, se o tempo o permite. De non ser así, celebraríase no Teatro Principal ou no Paraninfo da Facultade de Historia. Alí estarán máis de 250 rapaces, que achegarán a súa particular peza para un puzzle do que sairá o lema da campaña: "Superemos a exclusión. ¡Calidade na educación!".

O programa do acto, dunha hora aproximada de duración, servirá para presentar a campaña e os seus obxectivos. Ademais, falarán un neno e unha nena, así como as autoridades educativas e das institucións, entre elas o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Logo iranse colocando as diferentes pezas do puzzle, para rematar con contacontos e cunha actuación musical.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e Manuel Díos, do Seminario Galego pola Paz explicaron o desenvolvemento desta campaña, cuxos lemas son traballados ao longo de toda a semana nas aulas, grazas a unha unidade didáctica. Os centros composteláns que participan na iniciativa son: López Ferreiro, Raíña Fabiola, Fontiñas, Compañía de María, Antonio Fraguas, San Francisco Javier e Rosalía de Castro.

A campaña pretende chamar a atención sobre a importancia da educación para evitar calquera exclusión relixiosa, étnica ou social. Neste sentido, reclámase o cumprimento dos obxectivos de Dakar, como son os de estender e mellorar a educación integral da primeira infancia ou lograr un ensino gratuíto e obrigatorio de calidade e para todos os nenos en 2015. Nesta declaración tamén se pedía velar polas necesidades de aprendizaxe de todas as persoas mozas e adultas, o aumento nun 50% do número de adultos alfabetizados, a igualdade de xénero e a mellora de todos os aspectos cualitativos da educación.

Compartir: