ALCALDÍA

Santiago, galardoada polo fomento da arquitectura na súa xestión urbanística

18/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu en León o premio ARQAno ao fomento da Arquitectura 2007, que conceden os Colexios Oficiais de Arquitectos do noroeste de España. Nun acto celebrado da sede desta entidade, o Concello de Santiago foi recoñecido pola súa "continua e atenta xestión urbanística que incorpora a arquitectura coma un dos seus piares fundamentais".

Segundo Sánchez Bugallo, este premio é un recoñecemento da nosa aposta por "incrementar o rico patrimonio monumental de Santiago con novas achegas arquitectónicas que conviven en perfecta harmonía con pasado". Na súa opinión, "a nova arquitectura adáptase así á dimensión histórica do seu ámbito, creando ambientes contemporáneos que se mesturan cos históricos e establecen a desexada comunicación entre o núcleo antigo e as novas zonas de expansión"

Santiago é a primeira receptora desta distinción, que recoñece a aquelas persoas ou institucións que teñan protagonizado actividades favorables ao fomento da arquitectura. A concesión deste premio foi refrendada por un xurado composto por membros dos cinco colexios oficiais de arquitectos do noroeste de España (Asturias, Cantabria, Castela e León Este, Galicia e León).

Encontro co alcalde de León
No acto de entrega de premios, o alcalde estivo acompañado pola concelleira de Urbanismo do Concello, Mercedes Rosón. Antes, mantivo un encontro co rexedor de Léon, Francisco Fernández Álvarez. Este felicitou a Sánchez Bugallo polo premio e manifestou a súa disposición a colaborar con Santiago en diversos cuestións. En particular, referiuse á nosa cidade como modelo no que fixarse en temas como o patrimonio ou a restauración.

Pola súa parte, o alcalde compostelán referiuse a outro dos temas aos que ten previsto prestar atención o Concello, como é o Plan de Mobilidade recentemente presentado polo municipio leonés. Santiago tomará nota desta experiencia.

Compartir: