UMAD

Cincocentos escolares asistirán á obra de teatro sobre prevención de drogas "Pisa la raya"

17/04/2008 O espectáculo teatral Pisa la raya, da compañía Pikor Teatro, pechará o venres 18 o programa de prevención en drogodependencias Non pasa nada, ¿pasa algo?, promovido pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) e desenvolvido ao longo do curso escolar 2007-08 entre estudantes de 4º da ESO. Uns 500 alumnos de oito colexios asistirán ás dúas representacións da obra no Teatro Principal, ás 10 e ás 12. O primeiro pase contará coa presenza da concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

Na obra de teatro Pisa la raya, os catro actores e actrices van representando, dunha maneira divertida e fresca, diferentes escenas nas que aparecen a comunicación do grupo, o ocio nocturno da mocidade, a independencia persoal, o uso de drogas, etc. Así, recréanse situacións habituais entre os mozos: a primeira vez que se proba una droga, a presión do grupo no consumo de drogas de moda, a excitación e o temor da transgresión. Tamén se falará das drogas como evasión da realidade ou do consumo compulsivo que caracteriza os hábitos xuvenís.

Pisa la raya pretende fomentar a responsabilidade e a capacidade crítica como eixo dunha política efectiva de prevención das drogodependencias. A obra está destinada a fixar os conceptos traballados nos talleres formativos e informativos aos que os alumnos asistiron nos seus centros.

A obra representarase no Teatro Principal en dous pases, ás 10:00 e as 12:00 horas. Asistirán alumnos dos diferentes centros que participan no programa. Así, na primeira das sesións haberá escolares dos colexios Monte de Conxo, Compostela, CEE de Xordos e Santa Apolonia. Dúas horas despois, estarán os alumnos dos centros Xelmírez I, San Pelayo, Antón Fraguas, e Nosa Señora dos Remedios.

O programa Non pasa nada, ¿pasa algo? informa aos mozos sobre os riscos asociados ao uso e abuso das drogas, sobre mitos e crenzas erróneas e sobre como afrontar os devanditos riscos.

Compartir: