ALCALDÍA

O alcalde recollerá en León o premio co que os arquitectos do noroeste recoñecen a xestión urbanísitica de Santiago

17/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recollerá o venres 18 en León o premio ARQAno ao fomento da Arquitectura 2007, outorgado polos Colexios Oficiais de Arquitectos do noroeste de España. Santiago foi premiada pola "continua e atenta xestión urbanística que incorpora a arquitectura coma un dos seus piares fundamentais".

O acto terá lugar ás 12:00 horas na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Léon e nel, o alcalde, acompañado pola concelleira de Urbanismo do Concello, Mercedes Rosón, recollerá o galardón. Antes, Xosé A. Sánchez Bugallo, manterá un encontro co rexedor de Léon, Francisco Fernández Álvarez; será ás 10:00 horas na casa consistorial leonesa.

A cidade de Santiago é a primeira receptora desta distinción, que recoñece a aquelas persoas ou institucións que teñan protagonizado actividades favorables ao fomento da arquitectura. A concesión deste premio foi refrendada por un xurado composto por membros dos cinco colexios oficiais de arquitectos do noroeste de España (Asturias, Cantabria, Castela e León Este, Galicia e León).

Os ARQAno substitúen aos coñecidos anteriormente como Premios Julio Galán Carvajal e nacen co obxectivo de difundir e recoñecer publicamente a promoción da arquitectura entendida na súa dimensión máis ampla, como un campo protagonizado polos arquitectos nas súas distintas facetas de actividade profesional.

O xurado estivo presidido polo decano do Colexio Oficial de Arquitectos de León, Fernando de Andrés Álvarez. Actuaron como vocais: José Ángel Noriega Vázquez, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Asturias; Pío J. Santamaría Muñoz, decano do Colexio Oficial de arquitectos de Cantabria; Celestino García Braña, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; José Ignacio Paradinas Gómez, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Castela e León Este; e Leopoldo Uría Iglesias.

Compartir: