ALCALDÍA

Compostela únese ao programa Thao para a prevención da obesidade infantil

16/04/2008 Thao-Salud Infantil é un programa de prevención da obesidade infantil que se realiza a nivel municipal, con accións continuadas durante catro anos. Santiago decidiu unirse ao mesmo. Sobre este tema falaron en Raxoi o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o catedrático de Pediatría Rafael Tojo.

O Programa Thao vai dirixido aos escolarizados de 3 ata 12 anos, implicando a todos os actores locais en contacto coa poboación infantil. O obxectivo é unha prevención primaria, dirixida a evitar a tendencia ao aumento de peso. Para iso fórmase aos que están cos rapaces e actúase nas escolas e na cidade con diversas actividades. O programa tamén se dirixe aos profesionais da saúde que se terán que facer cargo dos nenos con sobrepeso.

Esta iniciativa, baseada nunha experiencia previa en Francia, quere inculcar nos nenos e nas súas familias as motivacións positivas dos comportamentos saudables, para que estes os asuman de xeito permanente, tanto na súa alimentación como na realización de exercicio físico. O programa funcionou como experiencia piloto en cinco cidades e agora estenderase a outras 25, entre elas Santiago de Compostela.

Compartir: