CULTURA

Expóñense no Auditorio os debuxos feitos polos rapaces nos talleres da "Historieta Galega 1973-2008"

16/04/2008 Dentro do programa de actividades desenvolvidas con motivo da mostra A Historieta Galega, os debuxantes Norberto Fernández, Jacobo Fernández, Fran Bueno e Pepe Carreiro impartiron os seus talleres nos que introduciron e mostraron aos pequenos as técnicas para facer historietas. O resultado destes talleres, que tiveron un gran éxito de público, pode verse nos debuxos que agora se expoñen no Punto de lectura da sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia.

Xunto cos talleres, tamén se veñen realizando visitas guiadas a exposición. Polas mesmas xa pasaron case mil alumnos de centros escolares de Santiago de Compostela e doutras comarcas. As visitas guiadas poden concertarse nos teléfonos: 981 574 152 e 981 574 153, de 9:00 a 15:00 horas, ou a través do correo electrónico: exposicions@auditoriodegalicia.org.

Os relatorios, que deron comezo o 11 de abril con Carlos Giménez, continuarán no mes de maio co guionista Carlos Portela e co debuxante Miguel Anxo Prado.

A exposición presenta a obra de 50 debuxantes con 300 traballos que recollen a evolución histórica do cómic galego dende o ano 1973 ata a actualidade e que permite entender o que aconteceu nos últimos 35 anos do cómic en Galicia. Permanecerá aberta ao público ata o 8 de xuño de 2008 no seguinte horario: todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, excepto os días de concerto, que pecha ás 19:00 horas.

Compartir: