EDUCACIÓN E INFRAESTRUTURAS

Adxudicadas as obras da Aula de Coñecemento do Medio Rural da Portela (Figueiras)

14/04/2008 O Goberno local adxudicou as obras de reforma e ampliación da antiga escola rural da Portela (Figueiras), para destinala a Aula de Coñecemento do Medio Rural. O orzamento é de 389.420 euros e o prazo de execución de tres meses e medio.

Sobre un espazo de 358 metros cadrados construirase esta Aula, que contará tamén con 32 liteiras, distribuídas en dous dormitorios, que permitirán estancias de fins de semana ou en datas específicas para grupos. O inmoble terá cociña, biblioteca, unha sala con medios audiovisuais e a aula de coñecemento propiamente dita.

Na Aula organizaranse talleres e eventos tradicionais (magosto, día do árbore…), e será a base para a realización de itinerarios guiados. Ademais da biblioteca, o centro contará cunha colección de materiais didácticos sobre o noso contorno. A funcionamento deste complexo articularase a través das solicitudes de actividades que se realicen.

Máis preto a apertura da Casa do Asociacionismo Veciñal
Tamén na Xunta de Goberno deuse un paso máis cara a apertura da Casa do Asociacionismo Veciñal, coa adxudicación do subministro de mobiliario por un importe de 58.738 euros.

Este edificio, situado na antiga estación de ferrocarril de Cornes e chamado a ser a sede do tecido asociativo de Compostela, terá na súa planta baixa, ademais da recepción, despachos médicos, estancias de terapia, unha sala polivalente de 142 metros cadrados, vestiarios e un ximnasio de 137 metros cadrados. Na primeira planta haberá unha biblioteca (109, 6 metros cadrados), unha aula de formación e despachos. Na segunda e na terceira distribución será a mesma que na primeira, sen biblioteca.

Nova rede de abastecemento na rúa dos Caraveis
A Xunta de Goberno tamén acordou iniciar o expediente de contratación das obras de substitución da rede de abastecemento na rúa dos Caraveis, incluídas no Plan de Obras da Deputación Provincial. O tipo de licitación é de 59.726 euros.

Compartir: