ALCALDÍA

A liquidación da débeda municipal é para o alcalde "un elemento de confianza para afrontar os vindeiros anos"

11/04/2008 O alcalde compostelán valorou o saldo positivo da liquidación do orzamento de 2007, así como a eliminación definitiva da débeda. "É un motivo de satisfacción e un elemento de confianza para afrontar estes dous anos, máis complicados que os anteriores".

Sánchez Bugallo recordou que se pasou de 26 millóns de débeda a 300.000 euros, e as dificultades que se tivo no pasado cos provedores. Resolto isto, o Concello seguirá actuando "con enorme cautela e prudencia, pois non sabemos cal vai ser a evoución de determinados parámetros da economía".

Sobre os orzamentos para 2008, indicou que hai boa vontade das partes para concretalos. "Temos que determinar os gastos que se teñen que reducir; a dificultade está en establecer as prioridades".

Anunciou que o novo orzamento estará "na magnitude dos anteriores". Así, indicou que "os gastos van subir un pouquiño e nos ingresos é onde estará o tema máis axustado". En calquera caso e coa vontade de ter listos canto antes os de 2008, Sánchez Bugallo lembrou que "están prorrogados os actuais, coa incorporación dos remanentes, polo que non hai paralización e, de feito, nas vindeiras semanas haberá novas licitacións e adxudicacións".

Normas do hábitat
Na súa rolda de prensa dos venres, o rexedor municipal tamén se referiu á aprobación das Normas do Hábitat Galego, aprobadas pola Consellería de Vivenda e que entran en vigor este mesmo mes, e que foron recorridas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Sánchez Bugallo cualificounas como "moi positivas" e afirmou compartir os seus obxectivos, pero que "é necesario unha transición para chegar á realidade que desexamos conseguir".

"O ideal sería un período transitorio de dous anos, pero se non pode ser, que sexa de un, ou de seis meses –reclamou-, porque sen iso, todo os servizos do Concello quedarán colapsados pola petición de licenzas". Neste sentido, apuntou a previsión de que no mes de abril se poidan solicitar de 500 a 1.000 vivendas, "non co obxectivo de facer a obra, senón de cumprir a norma", sinalou. Tamén demandou a exclusión da rehabilitación destas normas.

Plan Xeral
O alcalde tamén apuntou que "na vindeira semana seguirase traballando para que o 28 de abril poida reunirse a Comisión de Dirección do PXOM e así presentar o documento final en relación á parte non aprobada do mesmo". A previsión é que o 15 de maio o Pleno aprobe este documento para remitirllo definitivamente á Consellería de Política Territorial.

Premio ARQAno
Tamén en materia de urbanismo, Santiago recibirá en León, o venres 18, o Premio ARQAno de Arquitectura, outorgado polos colexios de arquitectos do noroeste península. O noso concello é o primeiro que recibe esta distinción, que premia "a continua e atenta xestión urbanística" da cidade.

Compartir: