TURISMO

A Santiago de Compostela Film Commission asiste ao Location Trade Show en California

09/04/2008 Un ano máis, a Santiago de Compostela Film Commission participará no AFCI Location Trade Show, que se celebrará en Santa Mónica (California) entre os días 10 e 12 de abril.

Este evento, organizado pola Asociación Internacional de Film Commissioners (ACFI), congrega ás portas de Hollywood ás principais film commissions do mundo, que ofrecen as súas localizacións e servizos a máis de 3.000 produtores, directores, localizadores e executivos da industria.

Desde a concellaría de Promoción Económica e Turismo, da que depende a Santiago de Compostela Film Commission, o seu titular Xosé Manuel Iglesias valorou a cita como "unha excelente oportunidade para entrar en contacto con profesionais en busca de novos escenarios nos que rodar os seus filmes e series, atraer posíbeis rodaxes e os seus beneficios para a industria local e promover deste xeito a imaxe de Compostela no mundo".

Por primeira vez, as film commissions españolas participarán nun stand conxunto baixo a bandeira da Spain Film Commission e coa colaboración do ICEX. No AFCI Locations Trade Show haberá ademais, da actividade promocional, cursos, asembleas, máster–clases e intercambio de experiencias entre profesionais deste sector.

Direccións relacionadas



Compartir: