CULTURA

Compostela volve a ser por unha semana a capital mundial da maxia

09/04/2008 Do 12 ao 19 de abril, a cidade volverá a ser a capital mundial da maxia grazas á Compostela Máxica 2008. II Semana Internacional do Ilusionismo. Os mellores magos de Galicia e destacados representantes do panorama español e internacional participarán nun evento que levará a maxia á rúa e a todos os públicos.

O programa abrirase o sábado 12 cunha gala presentada polo Mago Antón, que estará acompañado por Román García, Mago Romarís, Luis Manuel e Lipan and Company. Inicialmente prevista na Quintana, o tempo obrigará a que se celebre no Teatro Principal. Comezará así unha semana na que haberá distintas galas familiares, protagonizadas, respectivamente polo Mago Cali, Pedro Volta, Mago Teto, Luis Boyado e Román García.

O ilusionismo estará tamén na rúa, onde os magos realizarán os espectáculos ante todos aqueles que se acheguen a velos. A Praza Roxa e as prazas do Toural e Praterías serán os escenarios destas actuacións diarias. Igualmente, haberá maxia nos centros socioculturais da Trisca, Castiñeiriño, Conxo, Ensanche e Vite.

Os rapaces terán igualmente as súas funcións específicas no Teatro Principal, destinadas aos centros de ensino. E para as sesións de madrugada, cita no pub Dado-Dadá. Compostela Máxica tamén levará a maxia aos hospitais, con espectáculos na Barcia, no Hospital Clínico e no Colexio de Xordos.

Destaca tamén no programa a Gala Unipersonal que ofrecerá no Teatro Principal, o luns 14, o arxentino René Lavand, baixo o título "No se puede hacer más lento". E para rematar esta nova edición da II Semana Internacional do Ilusionismo, dúas galas internacionais, o venres 18 e sábado 19, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Presentadas por Luis Boyano, alí estarán Luis Manuel, Johnny Lonn, Kiko Pastur, Arno, Vic & Fabrini e Rafael.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou esta segunda edición de Compostela Máxica, que en total traerá á cidade a 30 magos, que realizarán 35 espectáculos. Rego destacou a variedade de "opcións, lugares e horarios" que ofrece o programa.

Nos mesmos termos pronunciouse o Mago Antón, de Creacións Máxicas, quen resaltou que Santiago se converte por unha semana na "capital mundial da maxia", con espectáculos "para todos os espazos posibles e para todos os públicos posibles". Na rolda de prensa tamén estiveron o Mago Romarís, o Mago Vituco e o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Direccións relacionadas



Compartir: