ORZAMENTOS

A liquidación do orzamento de 2007 deixa un resultado positivo de 14 millóns de euros e a definitiva eliminación da débeda

09/04/2008 Realizada a liquidación do orzamento municipal de 2007, este rexistrou un resultado positivo de 14.067.600 euros, o que supón un 62,02% máis que no exercicio 2006. O de Santiago é un dos poucos Concellos que, nun ano electoral, rexistra un saldo positivo. Ademais, este foi o ano no que as arcas municipais conseguiron eliminar a débeda case na súa totalidade.

O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, presentou estas cifras que, na súa opinión, "cumpren sobradamente os obxectivos plantexados nos orzamentos". Ademais, amosouse especialmente satisfeito por ter logrado, despois do Plan de Saneamento 2004-2007, eliminar o déficit, ata deixalo unicamente, a 31 de decembro de 2007, en 330.753 euros.

A liquidación deixa un resultado orzamentario de 14.067.600,34 euros. Cómpre recordar que a previsión contida no orzamento inicial era de 4.500.000 euros. Segundo indicou Fariña, este positivo é froito dos aforros na realización de gastos financiados por ingresos propios por importe de 6,85 millóns de euros e do incremento de ingresos correntes sobre as previsións por importe de 2,83 millóns.

Cumprido o Plan de Saneamento
En canto ao remanente de tesourería, este queda cun saldo negativo de unicamente 330.753 euros. Neste punto cúmprese un dos principais compromisos do Plan de Saneamento financeiro 2004-2007, que permitiu reducir en 26 millóns de euros o remanente de tesourería negativo derivado da liquidación do exercicio 2003. En 2007, este déficit redúcese case a cero.

Neste último ano de aplicación do Plan cumpríronse todos os compromisos plantexados no mesmo para cada exercicio anual. Por todo isto, o concelleiro estima "cumprido moi satisfactoriamente" este programa. Sobre os orzamentos de 2008, Andrés Fariña indicou que o seu obxectivo é que poidan estar listos para ir ao Pleno Municipal do xoves 24 de abril.

Compartir: