COMERCIO

As actividades de "Marzo, mes do comercio", recollidas nunha revista

08/04/2008 Unha nova publicación, co título de Marzo, mes do comercio, recolle as principais actividades que se desenvolveron en 2008 baixo este lema: III Gala do Comercio Compostela Capital de Compras, II Compostela Outlet e o ciclo de Conferencias sobre a Comunicación e Innovación para o pequeno comercio".

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou a revista, que ten unha tirada de 4.000 exemplares. Vaise distribuír, xunto a dípticos informativos, o 8 de abril na praza do Toural e o 9 de abril na Praza Roxa, no transcurso de dúas accións de animación na rúa con zancudos e malabares.

Estas actividades celebraranse a partir das 17:30 horas e pretenden informar a comerciantes e residentes en Compostela, dun xeito lúdico, sobre as actividades de Marzo, mes do comercio. A revista tamén se repartirá na III Gala do Comercio, o 10 de abril no Teatro Principal, e entre todos os comercios da cidade.

III Gala do Comercio Compostela Capital de Compras
A III Gala do Comercio será presentada por Comba Campoy e contará coa actuación de Carlos Blanco. Á gala, aberta ao público, están convidados todos os establecementos comerciais de Santiago. Neste espectáculo audiovisual primará a luz e a cor. Sobre o palco haberá cinco pantallas e no exterior varios focos iluminarán a fachada do Teatro Principal.

Con este evento, a Concellaría de Promoción Económica réndelle tributo ao comercio pola súa contribución ao desenvolvemento de Santiago. Na gala homenaxearase a cinco establecementos tradicionais de Compostela: Farmacia Valdés, Xoiería-Reloxería Frade, Novidades Carmiña, Morandeira Moda e Mercería Algui. Ademais, entregaranse os premios ao gañador anual do IV Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2007, a tenda de marroquinería Media Lúa, e aos tres primeiros clasificados no Concurso de I+C (Imaxinación máis Comercio): Prêt-a-couture Belén Mosquera, Saúde e Beleza e Katuxa Platero Joyas.

Compartir: