ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio felicita ao alcalde pola presenza de Santiago na Exposición Universal de Shanghai 2010

05/04/2008 Mérida acolleu o sábado 5 de abril a celebración da Asemblea ordinaria do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, á que acudiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Ao encontro asistiron tamén os alcaldes de Cuenca, Ávila, Tarragona, Toledo, Cáceres, Ibiza, Salamanca e Mérida, e os concelleiros das outras catro cidades máis que integran o grupo, que son Alcalá de Henares, San Cristóbal de la Laguna, Segovia e Córdoba.

Antes da celebración da Asemblea, os integrantes do Grupo foron recibidos polo Presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara, e polo alcalde de Mérida, Ángel Calle.

Durante a asamblea, celebrada no salón de plenos do Concello de Mérida, falouse, entre outros asuntos, da organización dos actos a celebrar con motivo do XV Aniversario da constitución de este órgano. Ademais, Xosé A. Sánchez Bugallo informou aos alcaldes que Santiago de Compostela foi elixida para mostrar a súa experiencia urbana na Exposición Universal de Shanghai 2010, convidando ao Grupo a estar presente neste evento. Os integrantes do grupo felicitaron vivamente ao alcalde e manifestaron o seu apoio á presenza de Santiago neste evento.

Doutra banda, o Grupo prepara un proxecto de imaxe, exposición e libro que baixo o lema "Cidades patrimonio da humanidade. As trece xoias de España" destaque o valor único das trece cidades españolas declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O alcalde propuxo ao Grupo a posibilidade de que os días nos que a exposición itinerante estea en Santiago coincidan coas festas do Apóstolo, datas de maior afluencia turística da nosa cidade.

Grupo Español de Cidades Patrimonio da Humanidade
O Grupo creouse en 1993 coa finalidade de actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación de determinadas formas de vida que estes núcleos históricos necesitan, realizando proxectos e propostas comúns, establecendo políticas de intercambios de experiencias e afrontando problemas comúns. Todo isto mantendo a personalidade de cada unha destas cidades e recoñecendo que a riqueza dun conxunto histórico estriba na súa individualidade.

A través das actuacións desenvolvidas no marco da Asociación creouse unha imaxe que se relaciona con calidade e beleza, unha imaxe que se potencia de xeito especial no ámbito turístico.

Compartir: