MERCADOS

Concello e gandeiros consensuarán o calendario anual de feiras en Amio

05/04/2008 Despois de moitas horas falando, a última hora da noite do venres 4 concluíron con éxito as negociacións mantidas entre o Concello, representado polo concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, e os gandeiros, co fin de solucionar o conflito que os mantiña protestando no recinto feiral de Amio. Deste xeito, a feira Expovivenda celebrarase sen ningunha dificultade, e Concello e tratantes crearán unha comisión para acordar o calendario de feiras anuais.

Segundo este acordo, o Concello garante a celebración de 54 feiras gandeiras aunais. Antes do novo ano, en outubro, as partes reuniranse para fixar o calendario, mediante o que se asegurará a convivencia entre o mercado gandeiro e as feiras doutra índole que o Concello estime conveniente realizar. Os tratantes seguirán acudindo a Amio os mércores, pero as partes consensuarán aquelas datas en que a feira gandeira deba mudar de día por motivos loxísticos doutras utilizacións.

Tanto o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que está en Mérida para participar nunha xuntanza das cidades españolas Patrimonio da Humanidade, como o concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, expresaron a súa satisfacción por este acordo que, en opinión de ambos, garante a convivencia durante moito tempo do recinto feiral como tal co mercado de gando.

Compartir: