CULTURA

A Real Filharmonía achega a Galicia "A Paixón segundo San Xoán"

04/04/2008 Santiago, A Coruña e Lugo acollerán unha das obras cume de Bach A Paixón segundo San Xoan, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do holandés Frans Bruggen. Trátase dunha composición que mobilizará sobre o escenario a preto de 70 artistas

Primeiro en Santiago, no marco da temporada de abono do Auditorio de Galicia e logo na Coruña (Palacio da Ópera) e Lugo (Círculo das Artes, Festival de Música Cidade de Lugo ), a Real Filharmonía ofrecerá durante tres días a oportunidade de disfrutar de A Paixón segundo San Xoán, composta por Johann Sebastian Bach en 1724. O encargado da dirección será o holandés Frans Bruggen, considerado como o principal estudoso da música do século XVIII, unha sorte de "arqueólogo" da música barroca.

Hai algo máis de cinco anos que comezou o "frechazo" entre Frans Bruggen e a Real Filharmonía, e dende entón o director holandés non perde a ocasión para poñerse ao fronte da orquestra compostelá, que el mesmo definiu como "orquestra marabillosa para unha cidade marabillosa". Nesta ocasión, preparouse un programa grandioso, no que o equipo da orquestra compostelá leva traballando moito tempo: A Paixón segundo San Xoán, de Johann Sebastian Bach, composición musical destinada aos oficios litúrxicos do Venres Santo. Cargada de forza teolóxica e meditativa, está construída sobre os capítulos 18 e 19 do Evanxeo de Xoán e nela intercálanse arias e pezas corais.

A posta en escena colocará sobre os escenarios do Auditorio de Galicia (Santiago), Palacio da Ópera (A Coruña) e Círculo das Artes (Lugo) á Filharmonía, aos cantantes do Cor de Cambra do Palau da Música Catalana e ao tenor Nico van der Meel, o barítono André Morsch, a soprano Martina Rüping, o alto Patrick van Goethem, o tenor Donat Havar e ao barítono Joan Martín-Royo. En total preto de 70 artistas que poñerán música e voz a unha das composicións máis complexas de Bach.

Ao fronte de todos eles estará Frans Brüggen, considerado como un dos expertos máis importantes do mundo na interpretación da música do século XVIII. Naceu en Amsterdam, onde estudou musicoloxía e, en 1981, fundou a Orquestra do século XVIII, formada por 60 membros de distintos países, todos expertos en repertorio dos séculos XVIII e XIX e que tocan instrumentos históricos ou copias contemporáneas. Ademais, Brüggen traballou como director coa Orquestra do Concertgebouw, a Orquestra do Século das Luces, a Orquestra Philharmonia de Londres ou a Filharmónica de Israel.

Compartir: