URBANISMO

Ábrense as plicas para o concurso das obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño

03/04/2008 O xoves 3 de abril abríronse as plicas para o concurso das obras de urbanización do polígono SUNP-11 do Castiñeiriño, promovido por Emuvissa. A empresa que resulte finalmente adxudicataria executará 8.660 metros cadrados de vieiros, ademais de 12.854 metros cadrados de equipamentos e áreas libres.

Un total de 18 empresas presentaron as súas ofertas económicas (documento que se envía adxunto) para concorrer ao devandito concurso. A partir de agora, Emuvissa analizará a documentación técnica e fará o informe correspondente segundo o prego de condicións. Na vindeira mesa de contratación formularase a proposta que será levada ao Consello de administración para a súa adxudicación.

A adxudicación farase mediante concurso público polo procedemento aberto, sendo o orzamento tipo de execución por contrata de 2.659.873 euros e o prazo de execución de 12 meses. Non obstante, todas as empresas presentaron propostas con reducións sobre este prezo que oscilan entre o 12% e o 25%, e prazos que van dos 8,5 aos 10 meses.

Este polígono albergará finalmente un máximo de 196 vivendas, das que 158 serán protexidas. A superficie total do solo é de 35.622 metros cadrados e conta cunha edificabilidade de 0,65 metros cadrados construídos por cada metro cadrado de solo.

Documentos relacionados



Compartir: