CULTURA

Continúan as actividades na exposición "A historieta galega 1973–2008"

03/04/2008 O sábado 5 de abril, de 10:00 a 13:00 horas, na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, continúan as actividades da exposición A historieta galega 1973–2008. Fran Bueno rematará a viñeta xigante que comezou o 15 de marzo, na que recrea o conto de Carapuchiña vermella. Bueno perfilará e terminará de dar cor a esta obra e explicará a todos os presentes o proceso de realización da viñeta.

Na mostra pódense ver varias obras de Fran Bueno para a revista Fronte Comixario, a portada do álbum Historias de Galicia: O máxico arrecendo; páxinas de Nobre Causes; unha páxina do traballo Undying Love; e outra da súa última obra, Palmira e Marcial. Odisea Ambiental. Xa no apartado de Golfiño, hai páxinas de Os escachapedras.

Ás 11:00 horas dará comezo unha visita guiada á exposición, para todos os públicos. E unha hora despois, o debuxante Pepe Carreiro dará un taller para os máis pequenos. Barreiro, que ten na exposición numerosas páxinas, é un dos máis importantes autores galegos de humor gráfico, e autor dos aclamados Bolechas.

Durante toda a exposición tanto nenos como adultos poderán utilizar o Punto de Lectura, unha sala habilitada para ler e disfrutar dos cómics que os debuxantes galegos publicaron nos últimos anos. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 8 de xuño de 2008 no seguinte horario: todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, excepto os días de concerto, que pecha ás 19:00 horas.

A seguinte actividade será unha conferencia de Carlos Giménez baixo o título "Unha vida dedicada ao cómic". Será o venres 11 de abril, ás 17:00 horas, na sala Mozart do Auditorio.

Compartir: