CULTURA

O pianista Joaquín Achúcarro interpreta a Brahms xunto á Real Filharmonía de Galicia

02/04/2008 O novo concerto de abono da Real Filharmonía, o xoves 3 de abril no Auditorio de Galicia, terá como protagonista á música de Brahms, en concreto o "Concerto para piano núm. 2", peza de especial beleza que será interpretada polo coñecido pianista Joaquín Achúcarro.

Cunha longa traxectoria artística chea de premios, Achúcarro ten viaxado por máis de 50 países e actuado xunto a máis de 200 orquestras. Premio Nacional de Música 1992 e Medalla de Ouro do Mérito nas Belas Artes en 1995, son famosas as súas gravacións de obras de Falla, entre as que destaca Noche en los jardines de España.

Precisamente, Joaquín Achúcarro recibirá o 13 de maio a Medalla do Palau da Música de Valencia, por ser un dos músicos "máis emblemáticos e solidarios" do panorama cultural. O galardón recorda de modo especial cando Achúcarro actuou de forma desinteresada en 1957 xunto a José Iturbi e a Orquestra Municipal de Valencia nunha xira por toda España para recadar fondos para os damnificados polas inundacións do río Turia en Valencia.

Christopher Wilkins, director invitado
Nesa ocasión estará como director invitado Cristopher Wilkins, nomeado hai pouco director artístico da Filarmónica de Orlando e da Sinfónica de Akron. Ten dirixido as principais orquestras de Estados Unidos, sendo un dos directores máis coñecidos en Norteamérica (Boston, Chicago, Detroit, Houston, Indianápolis, Los Ángeles, Pittsburg e San Francisco). Dirixiu durante dez anos a Sinfónica de San Antonio As súas xiras mundiais inclúen varias actuacións en Nova Zelanda e en España. Actualmente é conselleiro artístico do Teatro da Ópera de Colorado Springs. Recentemente foi director residente da Youth Orchestra of America.

Compartir: