COMERCIO

O Concello recoñece a cinco comercios a súa longa traxectoria de servizo á cidade

02/04/2008 O 10 de abril celebrarase no Teatro Principal a III Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras". No transcurso da mesma, serán homenaxeados cinco comercios composteláns pola súa traxectoria de décadas ao servizo dos clientes: Farmacia Valdés, Joyería Frade, Novedades Carmiña, Mercería Algui e Morandeira Moda.

Como acto previo a esta homenaxe, os responsables destes cinco comercios foron recibidos no Concello polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen lles lembrou aos premiados que "Santiago non sería o que é sen o seu comercio". Tamén o concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, agredeceulle so seu traballo.

A comisión avaliadora seleccionou aos establecementos homenaxeados en base aos seguintes criterios de valoración: antigüidade do estabelecemento e que o comercio pasara de xeración a xeración no seo dunha mesma familia desde a súa fundación. Así, a Farmacia Valdés, situada no cantón do Toural, 2, foi fundada xa por 1924, aínda que foi e traspasada hai 23 anos. Dez anos despois nacía Joyería Frade (rúa Travesa, 6), establecemento explotado en xeración no seo dunha mesma familia. Tamén familiar é Novedades Carmiña, comercio situado na rúa das Orfas, 12 e fundado en 1940. Polo 1949 nacía na rúa do Vilar, 24 a Mercería Algui, tamén explotada no seo dunha mesma familia. Ese mesmo ano xurdía Morandeira Moda, na rúa Algalia de Arriba, 17.

Os representantes dos establecementos recibirán un diploma e unha estatua de Sargadelos en recoñecemento ao seu traballo en prol do comercio compostelán.

A III Gala do Comercio "Compostela capital de Compras" é unha das actividades comprendidas baixo o lema "Marzo, mes do comercio". O evento será presentado por Comba Campoy e contará coa actuación de Carlos Blanco. Ademais de homenaxear aos cinco comercios, na Gala entregaranse os premios ao gañador anual do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping 2007" á tenda de marroquinería Media Lúa, e aos tres primeiros clasificados no Concurso de I+C: o atelier de moda Prèt-a-couture Belén Mosquera, o centro de estética Saúde e Beleza e a xoiería Katuxa Platero Joyas.

Compartir: