CULTURA

Seis centros socioculturais acollen o II Ciclo "Revelando Voces"

02/04/2008 Un total de 16 concertos de oito autores integra a segunda edición do ciclo "Revelando Voces en Compostela", que se desenvolverá nos meses de abril e maio. Á vista do éxito da primeira convocatoria de 2007, incrementouse o número de concertos e o número de escenarios, seis nesta ocasión.

O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, presentou o calendario de concertos, destinados a que "os traballos destes artistas sexan coñecidos e o punto de arranque de xiras exitosas por toda Galicia. Ademais, os ciclo pretende pecharse coa presentación dun disco con temas dos seis autores que participaron na primeira edición e, probablemente, cun concerto conxunto dos mesmos.

Abrirá "Revelando Voces" un concerto, o xoves 3 de abril, de Loli Nogueira, acompañada á guitarra de Leo Giannetto. A artista estréase ao vivo como cantautora, interpretando algúns temas propios. Seguirá o 10 de abril Héctor Lorenzo, quen na actualidade forma un dío coa cantante Najla Shami. Están a gravar o seu primeiro traballo, coa colaboración doutros músicos galegos.

O 11 de abril actuará Snatch. Paula Piñeiro é a vocalista desta banda compostelá, nada en 2006 e caracterizada pola diversidade de estilos, con versións e temas propios dende o prisma do rock contemporáneo. Peculiar tamén é a proposta de S.A.R, que darán o seu primeiro concerto o 16 de abril. O Sistema Acústico de Ruído traerá aos centros socioculturais as súas guitarras acústicas e as súas letras máis incisivas.

Un día despois actuará Détour, dúo nado en 2005 en Vigo que mestura os seus concertos musicais cun espectáculo teatral, dando lugar ao denominado jazz-cabaret. O 24 de maio será a vez de Miguel Alonso, cantautor que traerá antigos temas e dará a coñecer outros novos que formarán parte do seu primeiro disco en galego.

Singular é o nome e a proposta de O Leo I Arremecághona!!!, que presenta novo disco. O seu espectáculo combina a performance co travestismo e co punk conceptual máis rabioso. E para completar o elenco de artistas, Ataque Escampe, un grupo de rock acústico formado no ambiente universitario compostelán en 2001.

Todos os artistas terán unha dobre actuación. Os concertos terán lugar nos centro socioculturais do Ensanche, José Saramago, Fontiñas, San Pedro, Castiñeiriño e Conxo. Todos serán ás 21:00 horas e a entrada é de balde ata completar aforo.

Compartir: