EDUCACIÓN

"Cerca", da arxentina María Natalia Colombo, faise co I Premio Internacional "Compostela" para Álbums Ilustrados

02/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou na Galería Sargadelos a Campaña de Animación á Lectura, que este 2008 chega á súa oitava edición baixo o título "O eco da memoria". Alí, no Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, anunciou a gañadora do I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que foi María Natalia Colombo, de Arxentina, polo traballo titulado Cerca.

O xurado escolleu esta obra entre os máis de 340 traballos presentados. Elixiuno por ser un "perfecto álbum ilustrado". Cerca é "unha fábula sobre a incomunicación, unha reflexión poética e profunda sobre as relacións interpersoais e o individualismo, sobre os desexos e as emocións". Dende o punto de vista literario destaca pola "súa sinxeleza narrativa e a engranaxe interna do relato, que plasma o paralelismo entre as accións dos protagonistas: un pato e un coello que viven pechados na súa soidade". Nese sentido, a obra invita ao lector a non darlles as costas aos demais "privándose da posibilidade de compartir os momentos máis simples e felices da vida".

Tamén se acordou deixar como finalista, pola súa calidade, ao álbum La nube de Martín, do que son autores Javier Sobrino (Asturias) e Rebeca Luciani (Arxentina). Igualmente, decidiuse mencionar tres traballos máis: Trocar as voltas ao tempo, de José António Gomes e Gémeo Luís (Portugal); Ovelhina dá-me lá, de Isabel Minhós Martíns e Yara Kono (Portugal); e La visita, de Nicolás Arispe (Arxentina).

A gañadora levará 12.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. Presentáronse traballos de diversos países europeos (Alemaña, Suecia, Italia, Francia, Suíza, Portugal, Israel, Dinamarca e España) e americanos (Arxentina, Brasil, Ecuador, México, Colombia, Uruguay ou Perú). A obra galardoada será publicada en tódalas linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, vasco, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka.

No concurso participaron autores e ilustradores do ámbito internacional con obras que se podían incluír na categoría de álbum ilustrado: un libro no que o relato se conta a través de imaxes e textos, de tal xeito que ámbolos dous se complementan.

O eco da memoria
Baixo o título de "O eco da memoria", a Campaña de Animación á Lectura pretende un ano máis fomentar a lectura entre os nenos e nenas de Compostela. E nesta ocasión, tomando como referencia a memoria e a recuperación da nosa tradición oral e musical.

A Galería Sargadelos é un dos puntos neurálxicos desta campaña, organizada pola Concellería de Educación en colaboración coa editorial Kalandraka. Alí realizouse a presentación da campaña ao profesorado e alí desenvolveranse sesións de contacontos, visitas guiadas e os obradoiros de ilustración, con Óscar Villán, e de banda deseñada, con David Pintor. Tamén neste escenario terán lugar as actividades formativas, impartidas por Federico Martín, Manuela Rodríguez e Pablo Díaz, María Alonso e Xabier Docampo.

Estas actividades completaranse cos obradoiros e charlas nas escolas infantís municipais, con concertos didácticos de música tradicional nos centros de ensino e coas actividades nas librarías da cidade. A Campaña de Animación á Lectura desenvolverase ata o 19 de maio.

Compartir: