ALCALDÍA

Santiago, elixida para mostrar a súa experiencia urbana na Exposición Universal de Shanghai 2010

02/04/2008 A cidade de Santiago foi elixida polo xurado do Comité Internacional da Expo Shanghai 2010 para participar cun espazo propio na área reservada á presentación das mellores prácticas urbanas do mundo. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, unha vez coñecida a designación.

Para Sánchez Bugallo, "é un orgullo para todos os composteláns e galegos a selección a escala mundial dun proxecto como o de Santiago". A nosa cidade foi considerada como modélica en calidade de vida, urbanización, innovación tecnolóxica e na protección do medio ambiente. En concreto, Compostela foi elixida como "cidade histórica coma un modelo para o futuro".

O Comité analizou un total de 113 candidaturas procedentes de 87 cidades de todo o mundo. Finalmente, un total de 55 proxectos estarán presentes en Shanghai. Compostela estará en China con outras tres cidades españolas, Barcelona, Bilbao e Madrid, e xunto a outras cidades de todo o mundo: as europeas Basilea, Xénova e Zürich (Suíza), Rotterdam (Holanda), Londres e Liverpool (Inglaterra), Bolonia, Milán e Venecia (Italia), París (Francia), Oulu (Finlandia), San Petersburgo (Rusia), Praga (República Checa), Izmir (Turquía), Amaroussion (Grecia), Bremen, Bonn e Friburgo (Alemania), Malmoe (Suecia); as asiáticas Seúl (Corea do Sur), Taipei (Taiwan), Hong Kong, Tianjin, Hangzhou, Guangzhou e Suzhou (China), Osaka (Xapón), Ahmadabad (India), Bukhara (Uzbekistán); as americanas Sao Paulo e Porto Alegre (Brasil) Vancouver e Montreal (Canadá), Philadelphia e Chicago (USA); as africanas Alexandría e O Cairo (Exipto); e a oceánica Brisbane Queensland (Australia).

Santiago ocupará unha superficie duns 800 metros cadrados nun pavillón conxunto situado nunha antiga fábrica rehabilitada, ubicado á súa vez nun recinto dedicado ás mellores prácticas urbanas de 15,12 hectáreas. O recinto da Expo de Shanghai vai ocupar una área de 3,28 quilómetros cadrados ás beiras e ao longo do río Huangpu. Ata alí deberá desprazarse meses antes da Expo persoal técnico para preparar o espazo expositivo e, posteriormente, para atender aos millóns de visitantes durante os seis meses que durará a mostra.

O Concello e o Consorcio, artífices deste proxecto, solicitarán tamén a participación da Xunta nun proxecto chamado a xerar importantes beneficios na proxección exterior de Santiago e de Galicia. A Expo é unha oportunidade única para reforzar a imaxe de Santiago no mundo; impulsar o proxecto urbano de Compostela e poder presentar o proxecto urbano 2010-2021, así como presentar no exterior a Cidade da Cultura e a súa integración no proxecto urbano da capital de Galicia. Cómpre lembrar que está previsto o paso de máis de 70 millóns de visitantes.

Mellores cidades, mellor vida
A candidatura de Santiago, proposta pola Sociedade Estatal de exposicións ao Bureau Internacional de Exposicións (BIE) encaixa á perfección nunha Expo Universal de Shanghai dedicada monograficamente ás cidades baixo o lema "Mellores cidades, mellor vida". Así o decidiu o xurado do seu Comité Internacional, integrado por representantes do Goberno da República Popular China, a UNESCO e o Banco Mundial, entre outros organismos internacionais, e presidido pola directora executiva de UN-Habitat e polo secretario xeral da BIE.

Santiago presentou o seu proxecto de cidade, desenvolvido dende os anos 90, proxectado cara o futuro, tal como está recollido no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e na programación plurianual do Consorcio. Foi precisamente o órgano interadministrativo o encargado de preparar a candidatura, a cuxos técnicos o alcalde felicitou polo seu traballo.

A candidatura de Santiago leva o título de "Protección e uso do patrimonio histórico". A reflexión conceptual arredor da cidade na Área de Boas Prácticas Urbanas estrutúrase en catro temas de exposición: urbanización sostible, protección e uso do patrimonio histórico, cidades habitables e innovación tecnolóxica na construción.

Ademais do espazo expositivo, a proposta de Compostela inclúe a realización dun espazo público exterior, unha pequena praza de granito de gran valor simbólico, proxectada pola Oficina Técnica do Consorcio.

Máis de 200 países
A cidade chinesa de Shanghai foi proclamada sede da Exposición Universal 2010 pola 132 Asemblea Xeral da Oficina Internacional de Exposicións celebrada en Mónaco no mes de decembro do ano 2002. Co lema "Mellor cidade, mellor vida", o desenvolvemento sostible, enfocado tanto ás urbes coma aos seres que habitan nelas, será o principal eixe temático da Expo Universal Shanghai 2010.

A Expo terá unha duración de seis meses e celebrarase do 1 de maio ao 31 de outubro. Será a primeira vez que se celebre nun país en desenvolvemento e está previsto que atraia unha participación de máis de 200 países.

Shanghai 2010 pretende, tanto polo carácter de exposición universal como por ser un punto de referencia crucial no arranque do século XXI, superar o éxito da Exposición Universal de Sevilla 1992. A coincidencia desta mostra coa celebración do Ano Santo no mesmo ano permitirá amplificar a proxección universal da capital de Galicia.

Direccións relacionadas



Compartir: