ALCALDÍA

O alcalde departe cos veciños de Rocha Vella para coñecer as necesidades do barrio

01/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión co presidente da Asociación de Veciños "Serafín Zas" de Rocha Vella, Serafín Seoane, xunto a outros representantes veciñais e varios concelleiros.

No encontro, que tivo lugar na sede da Asociación de Veciños "Serafín Zas", os representantes veciñais do barrio de Rocha Vella, onde se está a levar a cabo un abondoso número de casas, solicitaron ao alcalde e aos concelleiros a resolución varios temas pendentes relacionados coa mellora e a rehabilitación dos servizos e das infraestruturas da zona.

Así, os veciños trasladaron a necesidade de levar a cabo a limpeza de maleza e a renovación dalgunhas cunetas, aumentar o alumeado público, reparar a rúa da Quenlla ata o Camiño Portugués, ensanchar a rúa do Beado e Serafín Zas, mellorar a rede de sumidoiros na rúa da Serradura e o subministro de auga na rúa do Beado, instalar sinalizacións verticais e horizontais na praza da Roca e Poza Real de Arriba, reparar a calzada e as beirarrúas e pintar a rúa de Churruchaos, poñer novos indicadores de Rocha Vella-Rocha Nova á saída da ponte nova do ferrocarril, colocar un espello na entrada da rúa da Amanecida e do Beado, e tratar de canalizar as augas pluviais pluviais procedentes da Autovía de Brión, entre outros temas. O alcalde comprometeuse a resolver estas peticións na medida en que vaia sendo posible, trasladándoas ás concellarías correspondentes.

Compartir: