CONSORCIO

Concello e Consorcio executarán un sistema unificado e permanente de mantemento do pavimento na zona histórica

01/04/2008 A Comisión Executiva do Consorcio aprobou a creación dun sistema de conservación do pavimento da zona histórica en colaboración co Concello. Este novo modo de conservación permanente substituirá ao actual, baseado en proxectos para determinadas rúas onde se detectaba o deterioro. A actuación sobre o enlousado refórzase tamén coa posta en marcha do programa de formación "A pedra que pisas".

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o novo sistema de "conservación permanente" permitirá afrontar actuacións que, doutro xeito, esixían a presentación de proxectos concretos, coa conseguinte dilación de tempo. Segundo o xerente do organismo interadministrativo, Xosé Manuel Villanueva, o novo é un "sistema ordinario e unificado de mantemento".

Con este modelo, o Consorcio acometerá o mantemento do pavimento da améndoa histórica e o Concello todo o perímetro da mesma. As intervencións nestas dúas áreas responderán a unha mesma estrutura, canalizada a través do Concello, e a un tratamento homoxéneo, de acordo tamén co protocolo de construción asinado coa Fundación Laboral da Construción.

Na parte asignada, o Consorcio investirá 300.000 euros anuais. Este novo modelo de mantemento permanente comezará a aplicarse unha vez estean executados os proxectos de recuperación de varias rúas xa en marcha e cuxas obras comezarán en abril.

A pedra que pisas
Este labor de mantemento do pavimento compleméntase coa posta en marcha do programa "A pedra que pisas", grazas á sinatura dun novo convenio coa Fundación laboral da Construción para o mantemento do Obradoiro de Enlousado, que actualmente se desenvolve nas hortas de San Martín Pinario. Segundo resaltou Villanueva, "este obradoiro permitiu, ademais de formar, identificar todo o en lousado da cidade histórica, recuperar os pregos que deron lugar á configuración física de hoxe e recuperar o proceso de construción destes enlousados".

O obradoiro responde, en palabras do xerente, a esta "visión integrada da conservación dos pavimentos". Neste sentido, indicou, fixo que no tratamento dos pavimentos, dende a perspectiva da cidade histórica, os avances tecnolóxicos non incidiran no impacto visual". O Consorcio investirá neste convenio 175.000 euros.

Xardín Botánico
Na Comisión Executiva tamén se recibiu a notificación do xustiprezo do Xardín Botánico. Así, o Consorcio terá que asumir unha partida suplementaria para asumir o 1.005.000 euros de incremento (un 28% máis) sobre o previsto inicialmente. En total, a expropiación de case 45.000 metros cadrados de superficie terá un custo duns 3 millóns de euros.

Paralelamente, a Universidade de Santiago presentoulle ao Consorcio o proxecto para a primeira etapa de actuación sobre o Xardín Botánico. "O proxecto parte da idea de habilitar unha parte moi importante para un uso público e aberto e sectorizar outra parte en tres áreas temáticas", apuntou Villanueva.

Unha destas tres áreas sería a denominada Xardín de Georg Kamel, coa que a Universidade quere vincular a especificidade do Xardín Botánico coa camelia. Outra área, o Xardín da Deusa Gaia, serviría como banco xenético da USC para sementes extinguidas ou en vías de extinción. A terceira área, o Xardín da Xacia, estaría vinculada directamente ao río Sarela, co obxectivo de reproducir dun xeito científico as condicións dos xardíns forestais vinculadas aos ríos de Galicia.

A USC contempla a execución deste proxecto en cinco anos e cun orzamento inicial de 2 millóns de euros. Non obstante, o Consorcio analizará polo miúdo este proxecto, por se fora necesario redefinir este orzamento. O que si fará o Consorcio é renegociar en breve as condicións nas que no seu día cedeu as parcelas do futuro Xardín Botánico para a elaboración do proxecto. Esta cesión remata en maio.

As primeiras actuacións visibles deste Xardín, en canto ás condicións de accesibilidade e de posta en valor dos espazos públicos poderían ser xa visibles antes de que remate 2008. Para máis longo quedarán as intervencións botánicas, moito máis complexas.

Remanente de 6 millóns de euros
Finalmente, a Comisión Executiva tamén aprobou a liquidación do orzamento de 2007, que xerou un remanente positivo de case 6 millóns de euros. O Consorcio aplicará este saldo para financiar actuacións en curso, como a sinalada das expropiacións do Xardín Botánico, as expropiacións da Casa do Cabildo, o Museo da Cidade, o proxecto da calzada de Sar e actuacións en monumentos como o Pazo de Bendaña ou o Pazo de Raxoi.

Compartir: