CULTURA

O Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal definirá o acervo cultural e histórico da cidade

01/04/2008 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou o proxecto de rehabilitación do Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal e os seus futuros contidos. Definiuno como "un centro activo de estudo e divulgación da historia local, de recuperación da memoria e de proxección exterior de Compostela".

O Centro, que está localizado na antiga Sala de Máquinas de Fenosa, no Campo das Hortas, comezará a ser rehabilitado e recuperado para o barrio e para a cidade co obxectivo de sistematizar e definir o acervo cultural compostelán, así como potenciar a participación dos investigadores propios e foráneos no coñecemento da historia da cidade. Ademais, busca recuperar a memoria colectiva e a propia figura de Ánxel Casal; acadar un espazo de creación, intercambio de ideas, difusión e realización nas diferentes áreas de cultura, da ciencia e das novas tecnoloxías; e consolidar un punto de encontro entre os diferentes axentes culturais.

Rego presentou o proxecto acompañado de Ramón Blanco, que é o autor, xunto con Iván Gutierrez, ambos de Taller 8.Arquitectos, do proxecto de rehabilitación do edificio. Eles lembraron que este será un grande espazo que intercomunicará ao barrio ao mesmo tempo que se converterá en lugar para o encontro, a relación e a creación singular e plural, con espazos abertos polivalentes para as diferentes actividades que alí se celebrarán. Está dirixido a creadores, axentes culturais, tecido asociativo e público en xeral e a intervención arquitectónica farase acorde cos obxectivos do centro e sendo respectuosa cos valores arquitectónicos do edificio.

Contidos
Respecto aos contidos que terá o centro, o concelleiro comentou que se creará a Fototeca Compostela, na que se recollerá a historia (intrahistoria) en imaxes da cidade, así como o Arquivo Oral de Compostela, como memoria sonora. Ademais, desenvolverase un programa de recuperación da memoria histórica e a propia figura de Ánxel Casal, e posibilitaranse as producións propias e as propostas culturais e artísticas para a cidadanía (factoría cultural).

Na área de estudos e proxectos composteláns haberá cinco proxectos anuais (dous deles internacionais) que versarán sobre tres temas: Historia de Compostela e recuperación da memoria histórica; Compostela hoxe e A proxección exterior de Compostela. O centro contará, ademais, coa Biblioteca Compostela, aberta a investigadores, publico xeral e escolar, que será un centro de documentación compostelán e dentro da cal se desenvolverán os Cadernos de Compostela, publicación dos traballos da área de investigación, que xa comezaron cun primeiro traballo sobre Valle Inclán.

O Centro de Estudos Composteláns Ánxel Casal, CECAC, será, como resposta a todos estes compromisos, un centro aberto, participativo, que funcionará como lugar de encontro e espazo para a creación e investigación artística onde tamén haberá espazo para exposicións en conferencias. Un centro, polo tanto, de estudo sobre o patrimonio material e inmaterial de Compostela que se converterá en punto cultural de referencia da nosa cidade.

Segundo as previsións manifestadas por Rego, os proxecto licitarase en dous ou tres meses, co obxectivo de que o Centro estea rematado antes de final de 2008.

Compartir: