TURISMO

Lavacolla renova a rota con Dublín

01/04/2008 Tras o éxito do lanzamento en 2007 da rota entre Santiago e Dublín (Irlanda), a compañía Air Lingus recupéraa para o período comprendido entre abril e outubro. Será con dúas frecuencias semanais, os martes e os sábados.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, acompañou ao director de vendas de Aer Lingus para España, Vicente Delgado, na presentación desta nova temporada de operacións en Lavacolla da compañía irlandesa. Segundo indicou, a renovación desta rota "súmase ao esforzo de consolidación dos destinos internacionais de Santiago".

Dependendo do éxito da rota, Air Lingus non descarta implantar esta rota con carácter permanente. Os meses que funcionou en 2007 propiciaron que medrara ata un 209% a porcentaxe de irlandeses que visitaron a cidade.

Con tarifas dende 47 euros, taxas incluídas, por traxecto, os voos sairán de Santiago os martes e os sábados ás 16:10 horas. Dende Dublín os avións despegarán eses mesmos días ás 12:25 horas. A rota operará cun Airbus A320, con 175 prazas. Máis de 20.000 asentos estarán á venda durante 2008.

Compartir: