PROMOCIÓN ECONÓMICA

Sesenta persoas participan nos cursos de teleformación de Promoción Económica

31/03/2008 Un total de 60 persoas participa nos catro cursos gratuítos de teleformación programados pola concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco da Rede de Cooperación Local. As actividades formativas de Calidade, Loxística integral, Habilidades directivas e Inglés industrial realizaranse a través de internet entre o 31 de marzo e o 30 de abril. A lista de admitidos está publicada na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

Os cursos, dirixidos a traballadores ocupados residentes en Compostela ou que traballen nunha empresa con domicilio social en Santiago, excepto os empregados da Administración Pública, contan cun servizo de titorías e apoio docente on-line, impartido pola empresa Recursos. O alumnado pode, dende o 31 de marzo, acceder a plataforma electrónica, con data de finalización do 30 de abril. Recursos acaba de enviarlle ás persoas admitidas un correo electrónico de benvida coas contrasinais e dirección de internet, xunto co Plan Formativo do curso ou cursos nos que están inscritos e do manual de navegación da plataforma.

Durante o período formativo, o alumnado terá a súa disposición un titor on-line e soporte técnico para facilitarlle o seguimento dos cursos. Os alumnos poderán acceder ao curso as 24 horas dos sete días da semana para realizar o proceso formativo, realizar as tarefas, ler os módulos e participar en chat e foros. Ademais, poderán formular todas as dúbidas e consultas aos titores a través dos distintos mecanismos de comunicación (e-mail, foros, chat e mensaxería). As preguntas serán contestadas nun prazo de 48 horas. Ao finalizar os cursos Recursos entregará á Concellaría de Promoción Económica os informes de seguimento das actividades formativas por parte do alumando.

A Rede de Cooperación Local (RCL) ten como obxectivo favorecer a competitvidade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial e a Universidade de Santiago. Cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, coa RCL colaboran, ademais, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e a USC.

Compartir: