ALCALDÍA

O Concello acometerá a remodelación das rúas Home Santo e Betanzos

28/03/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Infraestruturas e Relacións Veciñais, Bernardino Rama, mantiveron esta tarde unha reunión cos representantes da Asociación de Veciños "A Xuntanza", do barrio de San Pedro. Na mesma informáronlles das próximas actuacións que o Concello vai realizar neste ámbito, como as remodelacións das rúas Home Santo e Betanzos.

As primeiras en realizarse serán as obras na rúa Home Santo. O alcalde comentoulles aos veciños que a previsión é inicialas en verán. Tanto o proxecto de remodelación desta rúa como o da rúa de Betanzos seranlles presentados a Asociación nas vindeiras semanas.

Na reunión tamén se falou do Plan de Mobilidade para a rúa de San Pedro. O Concello xa ten practicamente rematado o estudo das densidades de vehículos e as súas cifras seranlles tamén presentadas aos veciños en próximas datas.

Finalmente, Sánchez Bugallo anuncioulles que esta vindeira semana procederase á recepción das obras da actual fase do Parque de Belvís, executada polo Consorcio, co obxectivo de que poidan ser inauguradas durante o mes de abril.

Compartir: