ALCALDÍA

A Biblioteca Ánxel Casal abre as súas portas con 60.000 volumes e novidosos sistemas tecnolóxicos

28/03/2008 Compostela conta coa súa nova Biblioteca Pública Ánxel Casal, que pon a disposición dos usuarios 60.000 volumes e os máis avanzados sistemas tecnolóxicos, coma un servizo de empréstito mediante radiofrecuencia.

Este novo complexo cultural abrirá as súas portas ás 10:00 horas do sábado 29 de marzo, despois do acto inaugural previo no que participaron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta, Emilio Pérez-Touriño; o ministro de Cultura en funcións, César Antonio Molina; e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, entre outras autoridades. Todos eles destacaron nas súas intervencións o papel que esta biblioteca xogará como centro de referencia cultural na cidade. En especial, o alcalde referiuse á idoneidade do seu emprazamento e ao acertado da elección dunha persoa tan querida en Compostela como Ánxel Casal. Rosa Cedrón púxolle a música ao acto.

A Biblioteca Ánxel Casal abre con 60.000 volumes e unha ampla gama de servizos. Destaca polo seu carácter pioneiro, un sistema de empréstito automático mediante radiofrecuencia, que ademais de facilitar o empréstito, evita os roubos. Cada libro dispón dunha tarxeta con radiofrecuencia e o usuario só ten que pasar o libro e o carné de usuario para poder levalo á casa.

Daniel Buján dirixirá este centro, no que traballarán 37 persoas, que velarán polos fondos contidos neste polivalente edificio, deseñado polo arquitecto Andrés Perea e que ten unha superficie de 5.800 metros cadrados, distribuídos en soto, planta baixa e catro andares.

A biblioteca dispón de fondos impresos (libros, revistas e cómics), audiovisuais (cine, documentais e música) e biblioteca electrónica, coa posibilidade de acceder a Internet e a todo tipo de recursos virtuais, mesmo dende o fogar. Os diferentes espazos están organizados a catro niveis.

Catro niveis
Na planta baixa está a sala multimedia, a hemeroteca, a bedeteca e o salón de actos. A sala multimedia conta con 50 postos de acceso a Internet, completados cunha rede wifi de acceso inarámico á que se poden conectar os usuarios dende calquera punto do edificio. A hemeroteca inclúe prensa diaria e publicacións especializadas, boletíns oficiais e revistas de diversos ámbitos. A bedeteca dispón de 3.000 exemplares de banda deseñada.

O primeiro andar está dedicado ao público infantil. Aquí están os fondos destinados a nenos e nenas de entre 0 e 14 anos e tamén acollerá actividades adaptadas a estas idades. No segundo andar estarán os fondos para empréstito a domicilio. O fondo audiovisual iníciase con máis de 800 discos de música, máis de 1.100 dvds de todos os xéneros cinematográficos e programas de ordenador.

No último andar atópase a sección de consulta e investigación, ademais do fondo local. A sala de consulta conta con 162 postos de lectura e co acceso a unha importante colección internacional de obras de referencia. Tamén hai unha sala para os investigadores e para o traballo en grupo.

A Biblioteca Ánxel Casal terá tamén unha biblioteca electrónica que se poderá consultar a través de Internet desde calquera domicilio. E todo isto complementado por diversas actividades de achegamento á lectura, a maior parte delas destinadas ao público infantil. Igualmente, haberá exposicións, obradoiros e clubs de lectura.

Horarios e carné de usuario
A nova biblioteca terá un horario continuado de luns a venres de 8:30 a 21:00 horas. Os sábados abrirá de 10:00 a 14:00 horas. O sábado 29 de marzo abrirase o proceso para dotar de carnés de usuario a todos os interesados. Para iso só hai que cumprimentar unha solicitude, na que figurarán os datos persoais e o compromiso do usuario de respectar as normas da biblioteca. Para recollelo é necesario mostrar o documento de identidade ou o pasaporte e achegar unha foto. Os menores de 14 necesitan a autorización dunha persoa adulta (pai, nai ou titor).

Compartir: