EDUCACIÓN

Máis de 800 rapaces participaron xa no Parque Infantil de Tráfico

28/03/2008 Dende o 21 de febreiro e ata a data, 812 rapaces de 5º e 6º de Primaria participaron xa no Parque Infantil de Tráfico, que se ubica no Mercado Nacional de Amio. Esta actividade forma parte do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o Perigo?".

Nesta instalación, os rapaces realizan prácticas de simulación con vehículos axeitados, como os cars, poñendo en práctica os contidos que se traballaron nas sesións didácticas previas cos axentes da Policía Local especializados no desenvolvemento deste tipo de contidos, cos seus profesores e profesoras e con outros profesionais. Acceden así a información sobre temas como normas de circulación, sinalización ou normas básicas de comportamento.

Ademais, durante a actividade do Parque Infantil de Tráfico cóntase coa presenza dos servizos de seguridade (Policía Local, Protección Civil, Policía Nacional, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros e Cruz Vermella), que dan a coñecer aos nenos o seu funcionamento. Contribúen a facilitarlle ao alumnado as pautas orientadas á integración duns hábitos de comportamento e dunhas actitudes axeitadas para o desenvolvemento persoal e viario na súa condición de peóns, viaxeiros e condutores.

Dende a súa inauguración, o pasado día 21 de febreiro, pasaron polo Parque Infantil de Tráfico alumnos dos colexios López Ferreiro, San Xosé de Cluny, Colexiata de Sar, Monte dos Postes, Xuventude, San Paio, Peleteiro, A Inmaculada, Vilas-Alborada, Compañía de María, Vite, Bembibre, Apóstolo Santiago, Mestre Rodríguez Xixirei, Ramón Cabanillas, Nosa Sra. dos Remedios, Os Tilos, Pedrouzos, Arquitectos Casas Novoa e Bispo Guerra Campos.

Compartir: