CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural do Ensanche celebra o seu primeiro ano cunha semana chea de actividades

28/03/2008 Do 31 de marzo ao 5 de abril, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche acollerá a súa I Semana Social e Cultural. O evento servirá para celebrar o primeiro ano de vida deste complexo e contará con diversas actividades de música, teatro, arte ou gastronomía.

A Semana Social e Cultural iniciarase o luns 31 cunha xornada dedicada ao encontro e presentación das asociacións que traballaron durante 2007 no centro do Ensanche. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, farase a inauguración oficial do evento nun acto que rematará coa actuación musical do coro Santa Susana.

Para o martes está prevista unha sesión de contacontos a cargo de Paula Carballeira (18:30 horas) e, media hora despois, un monólogo de Inés Cuadrado. Ao día seguinte, tamén ás 18:30 horas, sesión de animación con contos e música con Antón Castro e Antón Reigosa.

O xoves 3 de abril haberá tempo para xogar ao xadrez (17:30 horas) e para asistir á apertura da exposición "Tras o espello", do ilustrador Xosé Tomas (19:30 horas). E para rematar a xornada, ás 20.30 horas, concerto de Loli Nogueira. O venres repartirase entre as actividades sociais, cunha videoproxección do traballo realizado neste primeiro ano no Ensanche (18:00 horas), e as gastronómicas, cun concurso de tortas e tortillas (16:30 horas).

Para rematar coa Semana Social e Cultural, o centro será escenario, dende as 10.30 horas, do torneo de rol Warhammer Fantasy. As partidas estarán acompañadas de talleres de pintado de miniaturas e exhibición doutros xogos de rol.

Este calendario de actividades é unha ocasión máis para por de relevo a ampla oferta de servizos que acolle o complexo social e cultural, como o Punto de Acollida e Información, o Departamento Sociocultural, o Departamento de Mocidade, a Biblioteca Fundación Caixa Galicia, a Unidade Básica de Atención Social e un Rexistro Auxiliar do Concello.

En canto aos seus recursos, o centro dispón dunha área de novas tecnoloxías, dunha sala de usos múltiples, dunha sala de xuntanzas, dunha área Wifi, dunha área de uso expositivo, dun espazo público de proxeccións, dunha máquina para adquisición de billetes e de zonas de uso libre e polivalentes.

Documentos relacionados



Compartir: