DEPORTES

Os xestores deportivos buscan en Compostela canles para a cualificación da súa profesión

27/03/2008 O Salón Nobre da Casa do Concello acolleu a presentación do I Congreso Galego de Xestión Deportiva, que se celebrará no Palacio de Congresos o sábado 29 de marzo. O evento, organizado pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), reunirá en Compostela a profesionais, estudantes dos ensinos de actividade física e persoal responsable no ámbito da xestión deportiva pública ou privada.

A presentación oficial deste Congreso correu a cargo do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo presidente de AGAXEDE, Eduardo Blanco, e polo decano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, Alfredo Martín Acero. Tamén asistiron diferentes membros do Consello Municipal de Deportes, representantes das entidades deportivas locais e membros da Corporación Municipal, entre outros. O acto aproveitouse para entregar a Fernando Romay o diploma acreditativo como socio de honra de AGAXEDE. Recolleu a distinción Miguel Juane.

O alcalde aproveitou o acto para lembrar o labor daqueles que "dedican o seu esforzo persoal ao servizo dos demais nos clubes afeccionados". Ademais, referiuse á "forza cada vez maior da figura do xestor deportivo" e á necesidade de "dar un salto cualitativo e buscar procedementos para alcanzar mellores resultados". Neste sentido, o presidente de AGAXEDE, Eduardo Blanco, apostou pola crecente profesionalización e cualificación desta área.

Os reunidos en Santiago debaterán sobre xestión deportiva, unha área de coñecemento no marco das ciencias do deporte que, nos últimos anos, está en progresión e xera novos postos de traballo no ámbito público e privado. O Congreso constará de catro relatorios, nos que se falará, respectivamente, do sistema deportivo galego, da xestión pública do deporte autonómico, das empresas de servizos deportivos e do asociacionismo. Tamén se presentará o proxecto de futuro da AGAXEDE e un manifesto "Por unha xestión deportiva para os cidadáns".

A Asociación Galega de Xestores Deportivos naceu en 1998 e forma parte da Federación de Asociaciones de Gestores Deportivos de España, constituída en 2003 e integrada por outras asociacións autonómicas de Andalucía, Aragón, Baleares, Canarias, Castela-A Mancha, Cataluña, Euskadi, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Valencia. O Congreso será tamén o marco no que celebre a súa asemblea xeral, co obxectivo de comezar unha nova etapa na que se pretende relanzar esta organización galega.

Documentos relacionados



Compartir: