CULTURA

O Pleno aproba inicialmente o regulamento do Consello de Compostela Cultura

27/03/2008 Cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG e o negativo do PP, foi aprobado inicialmente o regulamento do Consello de Compostela Cultura. O documento será publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e abrirase entón un período de alegacións dun mes. Volverá entón ao Pleno para a súa aprobación definitiva, co obxectivo de que o Consello comece a funcionar no mes de xullo.

O Consello de Compostela Cultura será un organismo consultivo que actuará como dinamizador, coordinador e impulsor da política cultural do Concello. A súa composición pretende reflectir a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal. Esa pluralidade trasladouse xa á elaboración do regulamento, coa súa presentación pública e coa posibilidade de facer propostas para o mesmo. En palabras do concelleiro de Cultura, Néstor Rego, este órgano responde á vontade municipal de "propiciar canles de participación permanente da cidadanía nos asuntos públicos".

As funcións deste organismo serán, entre outras, propoñer o ámbito de intervención prioritario das políticas culturais, formular propostas e planos de actuación municipal, propoñer mecanismos de coordinación entre os axentes culturais, emitir informes, participar na avaliación das actuacións municipais e fomentar a vida asociativa no ámbito cultural.

Consello Reitor do Auditorio
Tamén no ámbito cultural, o Pleno aprobou a designación de membros de recoñecido prestixio cultural no Consello Reitor do Organismo Autónomo Auditorio de Galicia. Deste xeito, acordouse a continuidade da escritora e xornalista Ana Romaní Blanco e de Iñaki Martínez Antelo, actualmente director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Proposición en defensa do servizo postal
Por outra parte, os dous grupos do Goberno municipal aprobaron unha proposición, presentada polo BNG, na que se acorda dirixirse ao Goberno galego para que "inste ao Ministerio de Fomento a garantir, sen detrimento das condicións laborais do persoal, a prestación eficaz do servizo postal universal no termo municipal en condicións de igualdade e non discriminación polo lugar de residencia, revocando, asemade, calquera medida que poida menoscabar o dereito cidadán á inviolabilidade da comunicación postal". Este acordo será remitido ao presidente e ao vicepresidente da Xunta de Galicia, ao presidente do Goberno e á ministra de Fomento.

Compartir: