TURISMO

Pepe Solla imparte o derradeiro obradoiro de "Santiago de Compostela. Repetirás"

27/03/2008 O programa gastronómico Santiago de Compostela. Repetirás ofrece o sábado 29 de marzo o derradeiro obradoiro gastronómico con lamprea, impartido polo recoñecido chef Pepe Solla. Tras cinco meses dedicados a achegar a composteláns e turistas o mellor da cociña galega de tempada, comezando polos cogomelos en novembro e continuando co polbo, co marisco e coa cociña do Entroido, a lamprea pon fin a esta singular iniciativa.

Ás 18:00 horas, Pepe Solla impartirá un obradoiro onde ensinará as claves da boa cociña con lamprea. Hai anos que Pepe Solla está á fronte de Casa Solla (Poio), un referente de primeira calidade na nova cociña galega, distinguido cunha estrela Michelin. Cofundador do reputado Grupo Nove, elabora unha cociña que fusiona a modernidade e a creatividade cos sabores tradicionais.

No seu obradoiro, Pepe Solla explicará como limpar e preparar unha lamprea para un guiso tradicional e elaborará a receita da lamprea á bodelesa. Ademais, aproveitará o fígado do peixe, que moitos cociñeiros desprezan, para outra receita, explicando os procesos, de xeito que cada afeccionado poda repetir a experiencia na súa propia casa. Os obradoiros impártense na Galería Sargadelos e poden participar ata 45 persoas que, por tan só 10 euros, aprenderán durante dúas horas do bo facer deste experto cociñeiro.

O sábado 29 e o domingo 30 serán tamén os últimos días para degustar menús e pratos especiais elaborados a base de lamprea nunha selección de máis de vinte restaurantes da cidade. Os clientes só teñen que pedir a carta Santiago de Compostela. Repetirás nos restaurantes que amosen o distintivo de establecementos colaboradores.

Compartir: