TURISMO

Comeza a 2ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago

20/07/2005 A barcelonesa Mireia Giró Costa resultou gañadora do concurso de guións "Proxecto Compostela Plató", dotado con 30.000 euros en concepto de produción do guión.

O 21 de xullo, e ata o 8 de setembro, Compostela acollerá o "CurtoCircuíto na rúa", unha das actividades que se enmarcan no II Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela-CurtoCircuíto´05. Santiago convértese así, durante estes meses, nun cine ao aire libre. Todos os xoves do verán as prazas do casco histórico acollerán a proxección de diversas curtametraxes, co fin de achegar ao paseante este xénero de experimentación e creación cinematográfica moitas veces infravalorado.

Ademais, haberá un Premio do Público de 1.500 euros para a mellor curtametraxe exhibida. Na pasada edición do festival o Premio do Público recaeu en "Esperando", de Alber Ponte.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago conta tamén cunha Sección Oficial, que terá lugar do 18 ao 22 de outubro no Teatro Principal e no CGAC. Nela poderán participar todas as curtas de Ficción, Animación e Videocreación do panorama internacional estreadas con posterioridade ao 15 de xullo de 2004. Está dotado cun premio de 3.000 euros máis trofeo. Ademais haberá un "Premio Burbullas" valorado en 1.500 euros outorgado á obra audiovisual máis impactante, consistente en 1.500 euros máis trofeo. O prazo para participar permanece aberto ata o 15 de agosto. En todos os casos a duración das obras non excederá de 20 minutos.

Doutra banda, está o "Proxecto Compostela Plató", concurso de guións cuxo premio consiste na produción dunha curta de ficción, con toda a axuda humana e técnica precisas, dotado cun presuposto de 30.000 euros.

Finalmente, o "Non te curtes. Proxecto AVID" desenvolverase paralelamente ao festival do 18 ao 22 de outubro. Cada quen coa súa propia cámara, gravará o que desexe. A organización pón a disposición dos participantes equipos de edición AVID e un titor que axude na montaxe do produto, na aula de informática da Facultade de Xeografía e Historia. O premio será un software de AVID valorado en 1.800 €. As curtas resultantes non poderán exceder de 10 minutos de duración.

Entre as actividades que discorrerán paralelamente ao festival, haberá conferencias, charlas, mesas redondas e seminarios. O programa das actividades darase a coñecer nas vindeiras semanas.

Compostela Film Commission e unha iniciativa privada, que baixo a tutela do Concello de Santiago e Incolsa-Turismo de Santiago, son os responsábeis do desenvolvemento deste programa. O apoio como patrocinadores principais da Deputación da Coruña e a continuidade da Fundación Caixa Galicia, fan que a edición do 2005 sexa o punto de partida cara a un festival de curtametraxes de proxección internacional.

Fallado o "Compostela Plató"
O 14 de xullo xuntouse en Santiago de Compostela o xurado do premio "Proxecto Compostela Plató 2004". De entre os 92 guións que concorreron á convocatoria, o xurado escolleu cinco finalistas. Destes, a gañadora resultou ser Mireia Giró Costa, polo seu guión "Te quiero mal", presentado baixo o pseudónimo de "Dixie". Os finalistas foron os guións "Las manos del alma", presentado baixo o pseudónimo de "Houser" e "Campus Stellae", presentado baixo o pseudónimo de "Alfredo Portiño".

Mireia Giró Costa, nacida en Barcelona en 1979, chegará a Santiago nos próximos días para comezar os traballos de guión definitivo e preprodución da curtametraxe, que se rodará no mes de agosto na cidade. O 18 de outubro terá lugar a estrea da película, coincidindo coa Gala Inaugural de Curtocircuíto´05.

O xurado estivo formado por personalidades dos ámbitos audiovisual (Moncho Lemos, Alex Sampayo, Julio Casal e Xosé Castro "Pato") e literario (Rosa Aneiros). O premio consiste na producción do guión por un importe de 30.000 euros.

Datos da gañadora
Mireia Giró Costa naceu en Barcelona en 1979. Actualmente vive en Barcelona. Estudou Comunicación Audiovisual na Universitat Pompeu Fabra e, tras licenciarse, ampliou estudios na New York Film Academy, na sede do King´s College de Londres. A súa traxectoria profesional está ligada ao mundo do audiovisual, tendo dirixido cinco curtametraxes que acadaron recoñecemento en prestixiosas citas e festivais.

O guión de "Quérote mal" xira arredor dunha muller que non precisa a ninguén. A súa cegueira non lle impide vivir soa nin sentirse totalmente libre. Cada día érguese, dúchase e acicálase, prepara o almorzo e vai ao traballo en ter que lle pedir axuda a ninguén. Directora musical de éxito, autosuficiente, independente e sempre perfecta ata que o amor irrompe na súa ordenada existencia.

Aínda que Mireia Girón non puido estar na rolda de prensa de presentación do guión gañador, deixou dito que "Te quiero mal" é un guión "moi personal" que pode "interesar a moita xente", xa que "todos nos parecemos no máis íntimo". A Girón gústalle "falar do amor e poñer en dúbida todo o que se conta del", se cadra, di, "coa esperanza de atopar algunha fórmula orixinal que me sirva".

Documentos relacionados



Compartir: