UMAD

Unha obra de teatro pechará o programa de prevención de drogas "Non pasa nada, ¿pasa algo?"

27/03/2008 O espectáculo teatral Pisa la raya pechará o programa de prevención en drogodependencias Non pasa nada, ¿pasa algo?, desenvolvido ao longo do curso escolar 2007-08 entre 700 escolares de 4º da ESO. Trátase dunha obra destinada a fixar os conceptos traballados nos talleres formativos e informativos aos que os alumnos asistiron nos seus centros.

Esta actuación, incluída no Programa municipal de prevención escolar, foi presentada pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, quen destacou que o teatro é "unha boa vía para transmitir estas mensaxes de prevención". Así, na obra Pisa la raya, dunha maneira divertida e fresca, os catro actores e actrices van representando diferentes escenas nas que aparecen a comunicación do grupo, o ocio nocturno da mocidade, a independencia persoal, o uso de drogas, etc.

A obra representarase no Teatro Participal o 18 de abril, en dous pases ás 10:00 e as 12:00 horas. Asistirán alumnos dos diferentes centros que participan no programa: Lamas de Abade, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, San Pelayo, Divino Maestro, CEE de Xordos, Antón Fraguas, As Fontiñas, Pontepedriña e Nsa. Sra. dos Remedios, Sar, Santa Apolonia e Xelmirez II.

O programa Non pasa nada, ¿pasa algo? informa aos mozos sobre os riscos asociados ao uso e abuso das drogas, sobre mitos e crenzas erróneas e sobre como afrontar os devanditos riscos.

Efectos irreversibles do consumo de cocaína
Mar Martín aproveitou a presentación desta iniciativa para alertar sobre determinadas patoloxías detectadas a través do traballo diario da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). "Estamos comprobando como o consumo de cocaína esta levando a curto prazo a problemas psiquiátricos practicamente irreversibles", indicou.

Sobre este tema, a directora da UMAD, Pilar Bermejo, apuntou que se detectan consumos de cocaína a idades moi novas que, nunha alta porcentaxe, desencadean patoloxías duais, con problemas como psicoses, trastornos da personalidade ou esquizofrenia. Son condutas que poden non xerar adicción, pero si "un problema psiquiátrico para toda a vida e unha diminución drástica da calidade da vida", engadiu. Segundo lembrou, estes efectos psiquiátricos están ligados máis ao consumo de cocaína que ao de heroína "por unha razón química, xa que a primeira é un estimulante e a segunda un depresor".

Bermejo tamén advertiu sobre as patoloxías aditivas xeradas pola cocaína entre os maiores de idade, tamén máis numerosas que no caso da heroína. Finalmente quixo chamar a atención sobre o crecente consumo de substancias que xa se coñecían, pero que non se utilizaban polos mozos como drogas nas situacións de ocio e tempo libre. Puxo como exemplo a quetamina, habitualmente utilizada como anestésico veterinario.

Compartir: