CULTURA

O Auditorio de Galicia abre o prazo para a renovación e venda de abonos para terceiro trimestre da tempada 2007-2008

26/03/2008 O Auditorio de Galicia abre o prazo para a venda e renovación de abonos para o último trimestre da temporada. A renovación de abonos poderá facerse no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, os días 28 e 29 de marzo e a venda de novos abonos será os días 31 de marzo e 1 de abril, de 12:00 a 14:00 horas.

Neses días, en idéntico horario, tamén se poden adquirir por teléfono chamando aos números 981 571 026 e 981 573 979, mediante pago con tarxeta de crédito. Igualmente, os abonos pódense mercar no teléfono 902 434 443 e na páxina web www.caixagalicia.es. de 8:00 a 22:00 horas.

O Abono D, de abril a xuño de 2008, inclúe oito concertos, cun prezo de 71,40 euros despois dun 15 % de desconto. O abono especial para estudantes e xubilados ten un prezo de 42 euros. Aos abonados entregaránselle as localidades de cada concerto co número de fila e butaca, que será o mesmo durante todo o abono.

O programa do terceiro trimestre inclúe os concertos da Real Filharmonía de Galicia co seu director titular Ros Marbà e directores invitados como Cristopher Wilkins, Frans Brüggen, Paul Daniel, András Ligeti e Antoni Wit, e solistas como Joaquín Achúcarro, Vadin Repin, etc. Tamén se poderá escoitar de novo á Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección do seu director titular Víctor Pablo, e á contralto Ewa Podles. Dentro dos programas que se ofrecen destaca o do día 10 de abril, A paixón segundo San Xoán, de J. S. Bach., coa Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cambra del Palau de la Música.

Compartir: