CULTURA

Teatro Galileo reflexiona sobre os efectos perversos da avaricia

26/03/2008 Un dos clásicos de Molière, O avaro, chega ás táboas ao Principal na xornada na que se celebra o Día Mundial do Teatro. O xoves 27 e o venres 28, os composteláns teñen a oportunidade de gozar dunha obra que nunca deixa de estar de actualidade pola súa reflexión en torno aos efectos da avaricia.

O avaro é considerada unha das pezas máis importantes de Molière. Destaca pola mestura de escenas de carácter case dramático con escenas abertamente hilarantes. Todo o esforzo creador do autor concéntrase na recreación do xeito de vida do personaxe principal, Harpagón, dominado polo pecado da avaricia. Esta cobiza obstinada do protagonista lévao a enfrontarse aos seus seres máis queridos e convertelos nos seus inimigos.

César Cambeiro, Tanas, Ana Santos, Marita Martínez, Raúl Varo e Teresa Horro compoñen o elenco da obra. Dirixe Pedro Rubín, para quen "a avaricia sempre trae consecuencias negativas, tanto persoalmente como para a sociedade".

Di o director que nesta obra "hai fondas leccións de vida, que nos falan do máis grande defecto de todos os tempos: a avaricia, o pecado capital que nos leva a realizar as accións máis censurables. A avaricia ten levado ao ser humano a agudizar o máis escuro e criticable da súa condición". A súa versión, afirma, ofrece "unha posta en escena atemporal para dar unha mensaxe actual".

Compartir: