MEDIO AMBIENTE

O programa "Fogares Verdes" promoverá o aforro de enerxía e auga en 50 domicilios composteláns

26/03/2008 O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e a presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Adela Figueroa, asinaron un convenio de colaboración para executar o programa Fogares Verdes. Esta iniciativa promove o aforro enerxético e no consumo de auga nos fogares composteláns.

Ata 50 domicilios de Compostela participarán neste programa, co obxectivo de reducir o seu consumo de enerxía eléctrica nun 5,2% e o de auga nun 10%. Concretarase a través de visitas periódicas aos fogares, nas que se facilitará información e consellos para mudar hábitos. Na primeira visita entregarase un equipo de aforro composto por unha lámpada de baixo consumo e dous redutores de caudal para as billas.

Fogares Verdes comezará a aplicarse a primeiros de abril. O programa estará dividido en tres niveis de participación, en función do grao de implicación dos participantes. A primeira delas denomínase "Coñecer o gasto do teu fogar", e nela os educadores que colaboran neste proxecto realizarán unha pequena ecoauditoría do fogar, mediante a que se poderán introducir cambios no comportamento de cara a un aforro de enerxía e auga, sen ter que adquirir sistemas economizadores.

No segundo nivel de actuación deste proxecto, os participantes terán que facer unha pequena inversión xa que, asesorados polos educadores cos que conta esta iniciativa, contarán cun pacote no que aparecerán sistemas de aforro de baixo custe, como poden ser os perolizadores e difusores de auga ou as lámpadas de baixo consumo.

O último nivel de intervención será o que máis implicación por parte dos participantes requirirá. Esta fase necesitará dun cambio de hábitos, ademais dun gasto económico encamiñado a realizar un aforro eficiente, como pode ser obras de illamento, instalacións de placas solares, troco e electrodomésticos ou cambios do sistema de rega. Para iso, serán puntualmente informados sobre as subvencións do INEGA que lles poidan ser de interese.

Catro fases
O programa de traballo desenvolverase en catro fases: a primeira constará no deseño e divulgación, no que se concretarán todos os aspectos do proxecto, amais do deseño dos materiais a empregar; na segunda concentraranse as tarefas de selección dos participantes, que se elixirán en función da súa participación no programa de compostaxe e buscando unha distribución territorial equitativa no ámbito do concello.

A terceira fase será propiamente a de desenvolvemento do programa, na que se realizarán un mínimo de catro visitas a cada vivenda participante. Na primeira visita explicarase o proxecto e realizarase unha ecoauditoría; as dúas seguintes visitas serán de seguimento e a cuarta de avaliación. A última fase centrarase na creación da memoria e divulgación dos resultados.

Ademais da propia redución do consumo e da conseguinte rebaixa na factura, o programa pretende inducir á reflexión sobre o esgotamento dos recursos naturais e sobre o necesario cambio de costumes para conservalos. Trátase, en definitiva, de ir incrementando o número de fogares que asumen compromisos ambientais.

Compartir: