ALCALDÍA

O Concello ofrecerá ao IMELGA unha parcela axeitada para a súa nova sede

26/03/2008 O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) ten proxectado construír unha nova sede e o Concello colaborará na cesión dunha parcela axeitada para o edificio. Para falar deste tema, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse en Raxoi co director do IMELGA, Benito López de Abajo, e co xefe do servizo de Patoloxía Forense, José Blanco Pampín.

Tras a xuntanza, o alcalde lembrou que "o Concello tiña cedido unha parcela en Fontiñas, pero a Consellería de Presidencia pediu esa parcela para a construción dos novos xulgados; entón propuxemos unha no polígono do Tambre, pero o director do IMELGA considera que sería máis axeitado que a nova sede este ademais preto dos xulgados". Pero o Concello ten comprometidas as dúas parcelas das que dispón neste ámbito: a mencionada para os novos xulgados e outra para un xeriátrico.

Para Sánchez Bugallo, outra posibilidade está no ámbito do futuro polígono 4 de Fontiñas, "aínda que aí temos un problema físico e de desaxustes orográficos, e primeiro hai que ter definidas as rasantes". En calquera caso, apuntou, "a nosa vontade é ofrecer ao IMELGA unha parcela axeitada e agardamos ter pechado este tema antes do verán, para que poidan presentar o proxecto canto antes".

Pola súa parte, o director do IMELGA resaltou a "boa predisposición do Concello" para buscar a parcela para un edificio que "será importante para a cidade". A intención do Instituto é ter lista a súa a súa nova sede nun prazo entre dous e tres anos.

Compartir: