TURISMO

O concelleiro de Turismo é recibido pola directiva da Sociedade Hispano Brasileira en São Paulo

25/03/2008 O concelleiro de Turismo, Promoción Económica, Comercio e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, atópase na cidade de São Paulo para recoller o premio ao mellor destino turístico internacional que lle outorgaron a Santiago dentro do certame "Os 10 mais do Turismo de 2007". Este premio, de grande relevancia no Brasil, é convocado pola Revista Brasil Travel News e a Associaçao Brasileira de Agências de Viagens, co apoio de outras moitas entidades e institucións. Aproveitando a súa estancia na cidade brasileira, o concelleiro está a manter varias reunións de traballo con outros axentes. Así, a primeira delas xa se celebrou e Iglesias foi recibido pola equipa directiva da Sociedade Hispano Brasileira.

O novo equipo directivo da sociedade vén de ser elixido en febreiro e a maioría, agás unha asturiana e unha catalana, son de orixe galega. No encontro, os membros do equipo directivo amosáronse entusiasmados con este premio outorgado a Santiago que, en palabras da propia presidenta, María do Carme Mariñas, os fai sentirse aínda máis orgullosos da súa terra. Loubaron a estrutura turística de Compostela e aseguraron que o interese polo Camiño de Santiago, que a maioría deles fixeron xa, é cada vez máis crecente no Brasil.

Logo do encontro, a directiva amosoulle ao concelleiro as instalacións do seu centro, que está instalado nun terreo de 6.500 metros cadrados cunha área construída de 4.800 composta por instalacións deportivas (piscina semiolímpica e infantil, pista de tenis, voleibol, fútbol e baloncesto, un ximnasio e un salón de xogos), e unha enorme área sociocultural na que contan con dous salóns con capacidade para 300 e 700 persoas, respectivamente, biblioteca con máis de 5.000 exemplares, salas de lectura, sala de ensaio, sala de vídeo e cinco aulas nas que imparten, entre outras materias, clases de galego. O encontro rematou cunha cea de confraternización.

Tal e como explicou a directora, o obxectivo da sociedade é ser representación da nosa terra en São Paulo. Os membros da asociación, que tamén teñen un grupo de gaitas e de baile, visitan regularmente Galicia para manter eses lazos de unión, polo que se amosaron entusiasmados coa visita dunha representación do Concello de Santiago.

O concelleiro será recibido tamén durante a visita pola presidenta da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro e manterá unha reunión con Nuria Pont, xerente da cámara Oficial Española de Comercio en Brasil. Hai outros contactos con empresarios galegos na cidade brasileira pendentes de confirmación. Preténdese con estas reunións reforzar os lazos entre Santiago de Compostela e São Paulo de cara a manter aínda unhas mellores relacións turísticas e comerciais entre ambas cidades.

Compartir: