ALCALDÍA

Satisfacción do alcalde pola concesión a Santiago do Premio ao Mellor Destino Turístico Internacional 2007

25/03/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción pola concesión a Santiago de Compostela do Premio ao Mellor Destino Turístico Internacional de 2007, outorgado en Brasil pola revista "Brasil Travel" e a Associaçao Brasileira de Agências de Viagens.

O rexedor destacou o interese dos brasileiros por Santiago de Compostela e polo seu Camiño, e fixo referencia ao escritor Paulo Coelho, autor da novela "Peregrino a Compostela", de gran difusión non só no seu país senón tamén internacionalmente, e ao recoñecemento da Corporación compostelá dedicándolle unha nova rúa de próxima apertura na cidade a este autor de Río de Janeiro.

Así mesmo, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou que "este premio é un recoñecemento máis ao labor eficaz e continuado dende 1992 de promoción da cidade a nivel internacional"; promoción turística levada a cabo primeiro polo propio Concello co apoio do Consorcio de Santiago e posteriormente pola empresa municipal INCOLSA, creada con esta finalidade hai nove anos. "Non hai dúbida –dixo o alcalde-, que as políticas realizadas en materia de turismo, a apertura de novos mercados e vías de comunicación internacionais, converteron Santiago de Compostela nun destino obrigado, non só para Europa pola tradición do Camiño, senón para todo o mundo".

Segundo Xosé A. Sánchez Bugallo, este premio, que recollerá o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, no nome da Corporación "é un motivo máis para continuar afondando nas políticas de promoción e turismo emprendidas polo Concello".

Compartir: